O novo proxecto para reurbanizar a contorna das Casas de Franco someterase a aprobación

O Concello da Coruña someterá a aprobación na Xunta de Goberno Local do mes de marzo o modificado do proxecto para a reurbanización da contorna das Casas de Franco. Así llo confirmou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, ás e aos representantes veciñais nunha reunión mantida co obxectivo de avanzar na execución das obras.
Díaz Gallego reafirmou o compromiso do Concello de consensuar co barrio, na medida do posible, as actuacións previstas na zona lindeira á rolda de Outeiro. O proxecto contempla melloras na ampliación das áreas verdes, os espazos peonís e as zonas de lecer, respondendo ás necesidades expostas pola veciñanza.
“Escoitamos as súas peticións e buscamos incorporalas dentro do proxecto orixinal sen que as obras tivesen que saír de novo a concurso”, sinalou o concelleiro. Así mesmo, asegurou que os traballos se retomarán o antes posible, unha vez o modificado do proxecto supere o trámite na Xunta de Goberno Local e a empresa adxudicataria poida asinar o contrato para reactivar as obras.
Entre os cambios incluídos, destacan a creación de espazos de carga e descarga solicitados polos residentes e o mantemento dos colectores nos emprazamentos demandados. Ademais, finalmente non se executará o parterre previsto na fronte da rolda de Outeiro, e a plataforma de estancia quedará a cota cero tras contar co visto bo da compañía de abastecemento eléctrico.
A reformulación do proxecto suporá un incremento de 170.000 euros sobre o orzamento inicial, garantindo así unha intervención adaptada ás necesidades da veciñanza e que mellore a calidade do espazo público na zona.