O novo plan urbanístico do Castrillón estará listo en setembro para o seu impulso definitivo

ACoruñaXa
Este plan busca mellorar o barrio con novos espazos verdes, solucións de accesibilidade ou zonas peonís
castrillon-plan
25 Jun 2025

A Xunta de Compensación do ámbito do Castrillón —formada maioritariamente por veciños e propietarios particulares— avanza na redacción do Plan Especial que permitirá construír arredor de mil vivendas na zona. Segundo informan, o documento estará listo en setembro para iniciar a súa tramitación ambiental.

Este plan busca mellorar o barrio con novos espazos verdes, solucións de accesibilidade, zonas peonís e a eliminación de puntos degradados. Contará cun total de 121.000 metros cadrados, dos que máis de 42.000 serán espazo público e 38.000 estarán reservados a uso peonil.

A Xunta de Compensación lembra que parte dos terreos xa foron cedidos hai anos ao Concello, o que permitiu abrir rúas como Casanova de Eirís, desenvolver o Parque de Oza ou construír equipamentos públicos como a piscina municipal.

Ademais, ofreceron á Asociación de Veciños manter reunións para consensuar propostas e animan á veciñanza a participar no proceso: “Unha vez se aprobe o PERI de maneira inicial abrirase o correspondente período de alegacións”, sinalan.

Tamén lanzan un aviso: piden que “non se deixen enganar con formulacións interesadas e dirixidas que non se axustan á realidade nin á legalidade urbanística”.

Sobre as críticas á construción de tres torres de 17 plantas, explican que esta opción evitará levantar un muro continuo de edificios ao longo da Rolda de Outeiro e permitirá crear zonas verdes máis amplas que conecten co Parque de Oza.

⚙ Configurar cookies
0.13738608360291