O novo Consello Local do BNG da Coruña inicia a súa andaina con Ignacio Siota á fronte

ACoruñaXa
Na primeira reunión, o órgano de dirección do BNG na cidade analizou a situación política municipal
Novo-Consello-Local-do-BNG-coruña
14 Feb 2025

O novo Consello Local do BNG da Coruña, elixido pola asemblea da formación nacionalista o pasado 22 de xaneiro, celebrou a súa sesión constitutiva coa reelección de Ignacio Siota como responsábel local.

“O novo Consello Local afronta con moita determinación e ilusión a encomenda que nos fai a Asemblea, a de traballar na procura de agrandar a base social do nacionalismo na cidade. E a verdade é que cada día vemos como medra a corrente de simpatía das coruñesas e coruñeses cara ao que representa a nosa forza política”, afirmou Siota.

Na súa primeira reunión, o órgano de dirección do BNG na cidade analizou a situación política municipal tras a perda da cuestión de confianza por parte da alcaldesa no pleno celebrado o pasado 11 de febreiro.

“O que se viu con nitidez no debate da cuestión de confianza é que o BNG exerce o rol de forza decisiva que lle conferiron as coruñesas e os coruñeses nas pasadas eleccións e que se está a consolidar como unha clara alternativa de goberno na cidade”, sinalou Siota, coruñés de 31 anos e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Xunto a Ignacio Siota, forman parte do novo Consello Local Keina Espiñeira, Jorge Castro, Guadalupe Martínez, Xabier Pérez Couto, Andrea Ramos, Raimundo Martínez, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera, Isabel Risco, Fran Rei, Avia Veira, Isidro Daviña e David Soto.

Con esta elección e a constitución do novo Consello Local, péchase na cidade o proceso de renovación de órganos iniciado pola Asemblea Nacional do BNG, que o pasado 1 de decembro reelixiu Ana Pontón como líder da organización.

0.14230799674988