O Novo CHUAC avanza coa demolición do Hotel de Doentes para mellorar accesos

A Xunta de Galicia deu un novo paso na construción do Novo CHUAC da Coruña co inicio da demolición do edificio do Hotel de Doentes. Segundo explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, esta actuación permitirá habilitar os terreos necesarios para os accesos e o anel perimetral da nova infraestrutura sanitaria.
A conselleira supervisou o comezo dos traballos xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; e o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada. O derribo, que terá unha duración de sete meses e conta cun investimento de 1,3 millóns de euros, forma parte do proceso de transformación do hospital.
Allegue destacou a complexidade das intervencións no CHUAC, xa que se están a executar sen interromper a actividade asistencial. “Son obras que requiren coordinación para manter o tránsito de vehículos e compatibilizar as actuacións co funcionamento do hospital”, sinalou.
O Hotel de Doentes, construído en 1972, conta con dez pisos e máis de 7.500 metros cadrados. A demolición realizarase en dúas fases: primeiro derrubarase o salón de actos e parte do bloque administrativo; posteriormente, será a quenda do bloque alongado e das restantes dependencias. Os traballos estarán planificados para minimizar a xeración de po e ruído, garantindo o acceso ao hospital en todo momento.
Para iniciar a demolición foi necesario construír novos módulos de descanso para os médicos de garda, trasladar servizos e habilitar un novo espazo en Expocoruña. O obxectivo final é liberar os terreos para os novos accesos, en coordinación co Concello da Coruña.
Próximos fitos na transformación do CHUAC
A conselleira destacou que as obras do Novo CHUAC están a coller impulso, compatibilizando os trámites administrativos coa execución dos traballos. Entre as actuacións en marcha, salientou a construción da Torre Polivalente, cun orzamento de 35,2 millóns de euros, que require escavacións en rocha mediante voadura. Tamén avanzan as obras de urbanización de Pedralonga, cun investimento de 3,5 millóns.
Así mesmo, Allegue anunciou que a obra principal de mellora de accesos, cun custo de 24 millóns de euros, dará comezo nas vindeiras semanas, mentres que o proxecto do edificio principal do novo hospital está en fase de supervisión, coa previsión de licitar as obras no segundo semestre do ano.
O Novo CHUAC suporá un investimento de máis de 500 millóns de euros, o maior nunha infraestrutura sanitaria da Xunta de Galicia. Multiplicará por tres a superficie do hospital actual e converterase nun referente asistencial para máis de 500.000 pacientes das áreas da Coruña e Cee.
Ademais, Galicia foi a única comunidade autónoma en obter o 100 % da subvención europea asignada a España para este proxecto, cunha achega de 60 millóns de euros. “A Unión Europea recoñece así a importancia estratéxica do Novo CHUAC, non só como mellora sanitaria, senón como proxecto transformador da Coruña”, afirmou Allegue.
Máis capacidade e mellores servizos para os pacientes
O xerente do Sergas, José Ramón Parada, destacou a mellora na capacidade asistencial que traerá consigo o Novo CHUAC. O complexo incrementará nun 15% o número de camas dispoñibles e nun 50 % as consultas e postos de observación no servizo de urxencias.
“O novo hospital está deseñado para responder ás necesidades sanitarias das próximas décadas, garantindo máis quirófanos, máis consultas e un servizo mellorado para toda a cidadanía”, concluíu Parada.