O novo centro de saúde de Abegondo, exemplo de sostibilidade con madeira galega

ACoruñaXa
Contará cun orzamento de 2.708.948 euros e está previsto que abra as súas portas ao longo de 2025
centro-saude-bergondo
5 Apr 2025

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández Ríos, e o tenente de alcalde de Abegondo, Alberto Seoane, visitaron as obras do novo centro de saúde do municipio, que se está a converter nun exemplo de construción sostible grazas ao uso da madeira como elemento estrutural principal.

A visita enmárcase no curso 'Madeira estrutural. Bases e sistemas construtivos', impulsado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no que participan 35 técnicos da Xunta e de preto dunha vintena de concellos galegos. Durante a xornada, o alumnado puido coñecer de primeira man como a estrutura da futura infraestrutura sanitaria está feita con madeira, apostando así por un maior confort para os usuarios e unha mellor eficiencia ambiental.

O tenente de alcalde destacou a importancia deste proxecto para o concello: "Para Abegondo é moi especial contar cun centro de saúde pioneiro en sostibilidade, o que reflicte a nosa defensa dos valores ambientais propios da Reserva de Biosfera na que estamos integrados".

Pola súa banda, Alfredo Fernández subliñou que o uso da madeira maciza industrializada está experimentando un crecemento exponencial, sendo cada vez máis común na obra pública pola súa eficiencia, sustentabilidade e beneficios para a saúde.

Tanto Fernández como Seoane animaron aos asistentes ao curso a fomentar o uso da madeira estrutural nas súas administracións e a promover a contratación pública de edificacións sostibles, que son os eixos centrais desta acción formativa.

Antes da visita ás obras, o grupo desprazouse ata a empresa Xilonor, fabricante de madeira contralaminada (CLT) de piñeiro 100 % galego, que é a proveedora do material utilizado no centro de saúde de Abegondo. Trátase da primeira das catro accións formativas promovidas pola Consellería de Economía e Industria dentro do compromiso da Xunta para que o 20 % da obra pública se execute en madeira.

O novo centro de saúde contará cun orzamento de 2.708.948 euros e está previsto que abra as súas portas ao longo de 2025. A infraestrutura contará cunha superficie total de 1.221 metros cadrados, fronte aos actuais 400 do centro vello, supoñendo unha notable mellora para a veciñanza.

Na planta baixa situaranse os servizos asistenciais, cunha ala dedicada ás consultas xerais e pediatría, e outra para a sala de mostras, enfermaría e outros servizos sanitarios. A planta superior destinarase aos profesionais, con despachos, sala de descanso e biblioteca. No soto estarán as instalacións técnicas do edificio.

⚙ Configurar cookies
0.13241696357727