O músico Gustavo Santaolalla celebrará na Coruña os 25 anos do seu disco ‘Ronroco’

ACoruñaXa
O artista ofrecerá unha actuación única en España conmemorando os 25 anos de Ronroco, acompañado polo destacado multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro
Gustavo Santaolalla
17 sep 2024

O prestixioso músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Óscar e recoñecido polas súas icónicas bandas sonoras, ofrecerá un concerto no Palacio da Ópera da Coruña o domingo 29 de setembro. Esta actuación forma parte da xira internacional co gallo do 25 aniversario do seu emblemático disco Ronroco, un álbum que marcou un antes e un despois na súa carreira e que lle abriu as portas de Hollywood.

O concerto comezará ás 19.30 horas, e as entradas xa están dispoñibles en Ataquilla. Santaolalla, acompañado por unha banda de cinco músicos multiinstrumentistas, interpretará as 12 cancións de Ronroco, xunto con outras pezas representativas da súa extensa traxectoria.

Santaolalla, quen gañou o Óscar á Mellor Banda Sonora Orixinal por filmes como Brokeback Mountain (2005) e Babel (2006), tamén é coñecido por colaborar en producións como Amores Perros, 21 Gramos e Biutiful, todas dirixidas por Alejandro González Iñárritu. Recentemente, adquiriu gran popularidade ao ser o compositor da música do videoxogo The Last of Us e da exitosa serie baseada nel.

O concerto contará cun convidado especial, o galego Abraham Cupeiro, un multiinstrumentista de prestixio internacional. Cupeiro, que toca preto de 100 instrumentos da súa colección, compartiría o escenario con recoñecidas orquestras como a Royal Philarmonic Orchestra e a Orquestra Sinfónica de Galicia.

0.18878602981567