O musical Mamma Mía deslumbra en Mera e inaugura os actos polos 25 anos da Escola de Música

O Parque da Lagoa de Mera converteuse nun auténtico escenario ao aire libre para as máis de 2.000 persoas que se achegaron a gozar do musical Mamma Mía, unha proposta cultural impulsada polo Concello que deixou abraiado ao público pola súa calidade artística.
A produción, baseada nos grandes éxitos da mítica banda ABBA, contou cun elenco de 200 artistas pertencentes á Escola Municipal de Música, ao Coro La Tremenda Tremolina e a unha representación da Escola Municipal de Danza. A posta en escena foi, segundo os asistentes, espectacular, destacando pola súa forza interpretativa e o coidado na execución musical e coreográfica.
Este espectáculo marca o inicio da programación conmemorativa polo 25 aniversario da creación da Escola Municipal de Música por parte do Goberno local. Nas vindeiras semanas, están previstas novas actuacións para seguir celebrando esta efeméride.
O éxito do musical débese a un traballo coral que ten como pilares a dirección artística de Malu Balado —responsable tamén da adaptación do libreto—, xunto coa dirección musical de Rodrigo Rodríguez, quen tamén adaptou as composicións orixinais. A dirección da Orquestra Sinfónica estivo a cargo de Nilo García; Coco Pereira coordinou ao coro La Tremenda Tremolina; e Lara Fenoll foi a responsable da parte coreográfica dende a Escola Municipal de Danza. Completan o cadro docente os profesores Marina Gundín, Mónica Pérez, Álex Carral e Jorge Galán.
A veciñanza que non puido asistir terá unha nova oportunidade o vindeiro domingo 8 de xuño, ás 19.30 horas, na praza Esther Pita de Santa Cruz, onde o musical volverá representarse para seguir enchendo de música e emoción o 25 aniversario dunha das institucións culturais máis queridas do municipio.