O Museo Os Oleiros impartirá un obradoiro de rakú os días 16 e 23 de marzo
O Concello de Oleiros organiza un novo obradoiro de rakú impartido polo ceramista Nano Unzueta no Museo Os Oleiros. A cita será os días 16 e 23 de marzo terá lugar no Museo Os Oleiros un novo obradoiro de rakú dirixido a persoas maiores de 12 anos empadroadas no concello. O prezo da actividade é de 4,00 euros.
O raku é o nome que reciben tanto a técnica como un tipo de olería de orixe xaponés. Consiste na aplicación de distintos esmaltes sobre a superficie das pezas que despois se levan ao forno. Cando os esmaltes alcanzan o seu punto de cocemento sácanse aínda incandescentes coa axuda de pinzas de ferro e deposítanse nun recipiente cheo de serraduras (tamén se poden usar follas secas ou anacos de periódicos). Cando as pezas tocan estes materiais incéndianse e xérase unha enorme cantidade de fume que penetra na peza. Os esmaltes reaccionan co fume e a calor e converten os óxidos en metais. Logo de varios minutos, o proceso químico fíxase baixando bruscamente a temperatura con auga. O resultado de todo este proceso fai que xurdan na superficie da cerámica cambios de cor e efectos sorprendentes.
A actividade será dirixida polo ceramista Nano Unzueta e é obrigatorio asistir os dous días. O obradoiro dividirase en dúas quendas. A primeira quenda será das 16.00 a 18.00 horas e a segunda de 18.00 a 20.00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse do 4 ao 12 de marzo nos seguinte enlace para a primeira quenda e neste outro enlace, para a segunda.