O Museo do Xacemento Romano de Cambre recibiu 610 persoas no 2024

ACoruñaXa
A maioría das visitas correspóndense con grupos de alumnado dos colexios e institutos de Cambre
foto-cambre
29 Mar 2025

O Museo do Xacemento Romano de Cambre convertiuse nunha parada para visitantes e veciñanza. Ao longo do 2024, a instalación municipal recibiu 610 persoas que participaron nas visitas guiadas organizadas polo Concello de Cambre para poñer en valor o seu patrimonio e a súa historia. No que vai de 2025, a cifra de participantes ascende xa a 205, cunha nova programación prevista para o 30 de abril e os días 9 e 23 de maio.

A iniciativa inclúe non só un percorrido polo propio Museo do Xacemento Romano, senón tamén unha visita á igrexa de Santa María de Cambre, un dos principais reclamos turísticos do municipio. O concelleiro de ADL, Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, destacou que "o obxectivo non é outro que dar a coñecer a nosa enorme riqueza patrimonial e histórica. Trátase de visitas didácticas que se poden adaptar a persoas de todas as idades".

A maioría das visitas correspóndense con grupos de alumnado dos colexios e institutos de Cambre. Ademais, a través dos programas de intercambio Erasmus+ organizados polos centros de ensino, o Museo recibiu a mozos e mozas procedentes de Oxford, Cracovia, Bulgaria e Austria.

Tamén chegaron visitantes doutros concellos próximos, como Oleiros, e doutras partes de Galicia, como Palas de Rei, Burela ou Vigo. Precisamente desde este último concello acudiron estudantes do máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Vigo.

En canto á distribución das visitas ao longo do ano, marzo e xullo de 2024 foron, ata o de agora, os meses con maior afluencia, con tres visitas en cada un. As persoas interesadas en solicitar unha visita guiada poden facelo a través do correo electrónico museo@cambre.org ou chamando ao teléfono 981 656 217.

Próximas melloras no Museo

O Museo do Xacemento Romano de Cambre recibiu este mes o diploma de recoñecemento ao compromiso para a mellora da calidade dentro do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos. Ademais, no marco da feira Biocultura, obtivo o certificado de pertenza á Rede de Centros de Información Territorial da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Froito da colaboración entre a Reserva de Biosfera e o Concello de Cambre, o Museo será obxecto proximamente dunha serie de melloras. Atendendo ás necesidades trasladadas polo concelleiro Ramón Boga, instalarase un novo equipo audiovisual para a proxección de películas, documentais e material gráfico que acompañará conferencias e actividades divulgativas. Ademais, dotarase o espazo dunha nova vitrina que permitirá ampliar a exposición do Museo.

⚙ Configurar cookies
0.19809603691101