O Museo do Mar de Sorrizo presenta o seu novo Caderno para descubrir o patrimonio mariñeiro de Arteixo

O Museo do Mar de Sorrizo vén de incorporar un novo recurso educativo: o Caderno Mar de Sorrizo, unha libreta didáctica que busca achegar o coñecemento do patrimonio mariñeiro de Arteixo dun xeito participativo e ameno. A publicación, xa dispoñible no museo para as persoas que participen nas súas actividades, propón xogos, curiosidades e retos creativos centrados na cultura mariñeira, os ecosistemas costeiros e a historia do litoral arteixán.
A iniciativa forma parte do proxecto Mar de Sorrizo, impulsado polo Concello de Arteixo e financiado a través das axudas do GALP Golfo Ártabro Sur, coa colaboración da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con este novo material, o museo reforza o seu labor de divulgación e participación, ofrecendo ás persoas visitantes unha ferramenta gratuíta para aprender, explorar e poñer en valor o mar que define a identidade do territorio. O caderno estará dispoñible ao longo do ano dentro das distintas actividades do proxecto: obradoiros, rutas interpretativas, exposicións e outras propostas culturais ligadas ao mar e á súa xente.