O Museo de Estrela Galicia celebrará San Patricio o venres 15 de marzo cunha cata de estilo irlandés
O Museo de Estrela Galicia na Coruña impregnarase do espírito irlandés para festexar, ao grande, o San Patricio. O vindeiro venres 15 de marzo, terá lugar o segundo PlanazoMEGA do ano, denominado 'O Santo Patrón', unha proposta de cea-marinaxe ao máis puro estilo irlandés para viaxar, a través dos sentidos, á illa británica durante a fin de semana de celebración da súa gran festividade (o 17 de marzo).
As entradas para o evento, que dará o pistoletazo de saída aos festexos de San Patricio na cidade, xa están dispoñibles a través da web oficial do museo. Deste xeito, MEGA propón este 2024 celebrar a festividade máis popular de Irlanda, país moi vinculado a Galicia, tanto a través da cervexa como das experiencias compartidas ao redor da mesma.
Así, o próximo 15 de marzo, a partir das 21.00 horas, o museo celebrará por primeira vez 'O Santo Patrón', un evento especial de cea-marinaxe no que o público asistente poderá degustar cinco cervexas diferentes de estilo irlandés acompañadas doutros tantos pratos típicos do país, á vez que coñece e descobre a súa cultura, historia e a vinculación coa figura de San Patricio.
O equipo de Cultura de Cervexa de MEGA, da man dos chefs Antonio Amenedo (Pazo de Santa Cruz de Mondoi) e Fabián Mouzo (Pazo de Vilalba), creou un menú especial, partindo de produtos de proximidade, que contén, ademais da tradicional cana de benvida, cinco pratos habituais da illa esmeralda, entre os que se inclúen cremas, sopas ou estofados de cordeiro. Todos eles están maridados con catro cervexas irlandesas e unha galego-irlandesa-1906 A Roxa-, para completar unha inmersión única e festexar, deliciosamente, San Patricio.
O menú do San Patrón
O menú da velada comezará cunha refrescante Caffrey’s Irish Ale, cervexa de cor ambarino perfecta para acompañar o primeiro prato, o Tartar de salmón St. Patrick’s, no que os sabores do peixe fusiónanse con lima, xema de ovo, sésamo e ravo picante. A continuación, as e os asistentes gozarán dunha fusión galaico-irlandesa coa 1906 A Roxa, cervexa de cor ámbar escuro e cunha marcada presenza de maltas e toques de lúpulo, que acompañará ao Irish Seafood Chowder en pan de soda, unha sorte de sopa tradicional irlandesa que, para a ocasión, elaborarase con mexillóns de Lorbé, bechamel e un típico queixo do país de lingua gaélica: cheddar.
De seguido, a experiencia gastronómica continuará coa degustación da Irish Rede Ale de Ou’hara’s, unha bebida do mesmo estilo que a 1906 A Roxa, pero cunha personalidade diferente, máis maltosa e con sutís notas de cacao. Esta cervexa servirase cunha Colcannon, un puré tradicional da cociña irlandesa cuxos ingredientes principais son a col e a pataca. O momento álxido do menú chegará da man da Irish Stout (Nitro) de Ou’hara’s, unha cervexa de cor negra con escintileos rubí e escuma cremosa con marcados sabores tostados, que acompañará o Irish Stew, o tradicional estofado de cordeiro irlandés que se elabora utilizando, ademais, a propia cervexa que o acompaña.
Finalmente, a velada culminará a súa viaxe polos cinco sentidos da man doutra cervexa negra, a Ou’hara’s Leann Folláin, unha stout extra e máis intensa que a anterior, madurada en barrica, e que combina á perfección co broche de ouro do Santo Patrón: un rico Budín de pan irlandés con caramelo e whisky.