O Museo de Estrela Galicia celebrará o seu quinto aniversario cunha chea de actividades
O Museo de Estrela Galicia prepárase para festexar, ao grande, o seu quinto aniversario. MEGA propón dúas xornadas repletas de cervexa, gastronomía e música en directo nas que o público poderá gozar dalgunhas das experiencias máis destacadas do recinto, como son as súas visitas guiadas, maridaxes, sesións de tiraje e cata ou, mesmo, os seus concertos íntimos.
Neste sentido, o acceso ao museo durante a mañá e tarde do mércores 19 de xuño -día do quinto aniversario- será gratuíto, previa retirada de invitación na páxina web, mentres que para acceder á a sesión nocturna, denominada #MEGAFiesta, e que inclúe a asistencia ao concerto da banda de rock The Nunzia’s, o museo sorteará entradas dobres entre todas aquelas persoas que se inscriban na mesma páxina web. Os festexos estenderanse ata o venres 21 de xuño, onde a cea maridaxe Descobre a historia da Coruña poñerá o broche de ouro a esta singular efeméride.
O epicentro dos festexos do quinto aniversario do Museo de Estrela Galicia será o mércores 19 de xuño, o día que se celebran os cinco anos desde a apertura das súas portas. Lembrando este feito, MEGA abriraas de novo, gratuitamente, e regalará ao público algunhas das experiencias que ofrece habitualmente aos seus visitantes, como son as visitas guiadas polo recinto ou as maridaxes de queixos, conservas ou embutidos galegos.
Así, a partir das 10.30 horas da mañá do día 19, sucederanse ao longo do día as visitas e catas de cervexa no museo. O público poderá retirar desde este martes, 28 de maio, a partir das 13.00 horas, as invitacións a través da web. As entradas distribuiranse por rigorosa orde de solicitude e MEGA solicitará a confirmación das mesmas. En caso de non obter resposta, o museo poñerase en contacto con aquelas persoas que se atopen na lista de espera.
Xa pola noite, será a quenda doutra das experiencias máis demandadas polo público de MEGA: os concertos íntimos con cata de cervexa. A banda local de rock The Nunzia’s, liderada pola italiana Nunzia Giannotta, ofrecerá, desde as 21.00 horas, un directo con versións dos mellores clásicos do rock e no que se poderán saborear dúas cervexas coas súas respectivas tapas. O acceso a esta #MEGAFiesta, que inclúe actuación e cata, será mediante sorteo. Para poder participar, será necesario inscribirse a través do formulario pertinente que estará dispoñible tamén desde as 13.00 horas de hoxe, martes 28, na páxina web. O sorteo de entradas dobres para asistir á velada realizarase o 13 de xuño ás 12.00 horas.
Cea e maridaxe ‘Descobre a historia da Coruña’
Como colofón, a celebración do quinto aniversario do Museo de Estrela Galicia finalizará cun #PlanazoMEGA: o venres 21 de xuño, o recinto museístico acollerá céaa maridaxe Descobre a historia da Coruña. Nesta ocasión, as e os asistentes poderán degustar cinco cervexas e outros tantos pratos elaborados polo chef Guillermo Rivera, do restaurante madrileño Agarimo, á vez que percorren a historia da Coruña a través do seu padal. Farano da man de Suso Martínez, o guía do Circuíto 1906. Unha experiencia histórica. Esta gastroexperiencia especial, que poñerá o broche de ouro aos festexos do quinto aniversario de MEGA, comezará o día 21 ás 21.00 horas e as entradas poderanse adquirir proximamente a través da web.