O Museo de Belas Artes acolle a rodaxe do documental 'Hoxe e o resto do mundo' sobre Sargadelos

ACoruñaXa
Un equipo da productora Matriuska está a gravar en diversas localizacións das provincias da Coruña e Lugo para reconstruír o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica
Imaxe da gravación do docuemntal sobre Sargadelos no Museo de Belas Artes da Coruña
27 Mar 2024

O Museo de Belas Artes da Coruña está a ser estes días unha das localizacións onde Matriuska Produccións está a gravar o documental 'Hoxe e o resto do mundo' sobre a historia de Sargadelos. Producción na que a Xunta de Galicia colabora cunha subvención de máis de 77.000 euros a través do programa autonómico de axudas ao audiovisual galego.

Jacobo Sutil, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais tivo a oportunidade de coñecer este mércores en persoa o avance do proxecto da man de Daniel Froiz, produtor executivo, e Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo, do equipo de dirección. A directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pena, acompañouno tamén nesta visita á rodaxe nunha xornada durante a que se gravaron varias escenas con José Diaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo.

Equipo galego

O equipo galego , que conta cunha notable representación feminina, está a gravar en diversas localizacións das provincias da Coruña e Lugo para reconstruír o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, coñecida como a 'Bauhaus galega' polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao mesmo tempo, tamén se contará a historia de Galicia a través do seu deseño, coñecendo os seus elementos diferenciais e de calidade que ocupan o centro do discurso.

Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.

O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense. O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro “Mimina”, en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordarase a quinta xeira da factoría e os desafíos para o relanzamento da marca.

0.18489003181458