O Museo de Belas Artes acolle a mostra ‘A barca de Caronte’, unha viaxe á traxectoria de Isaac Díaz Pardo

O Museo de Belas Artes da Coruña abre as portas á exposición A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, unha homenaxe profunda á figura dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea. A mostra, que poderá visitarse ata o 14 de decembro, foi inaugurada este venres polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen destacou que con esta iniciativa “desde a Xunta tamén rendemos homenaxe a un creador clave para a nosa cultura nos séculos XX e XXI, sumándonos así ao recoñecemento que se lle fai este ano dedicándolle o Día das Artes Galegas”.
A exposición, comisariada por Xosé Díaz Arias —fillo do artista— en colaboración co equipo técnico do museo, ofrece unha visión integral da vida e obra de Díaz Pardo a través de preto de 150 pezas, incluíndo óleos, debuxos, obra gráfica, cerámica e mobiliario. As obras pertencen maioritariamente ao autor, pero tamén están presentes artistas do seu círculo e da súa historia persoal e profesional como Camilo Díaz Baliño, Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero, Laxeiro ou Geno Díaz.
“A mostra pon en valor as distintas vertentes dun artista polifacético, ofrecendo unha achega á súa figura desde distintas perspectivas e nun mesmo espazo, apostando porque as novas xeracións afonden no seu coñecemento”, sinalou López Campos. O percorrido está organizado en cinco seccións que percorren desde os primeiros pasos na pintura ata a súa implicación en proxectos como Cerámicas do Castro, o Laboratorio de Formas xunto a Luís Seoane ou a modernización de Sargadelos.
O título da exposición fai referencia a dúas obras que Isaac Díaz Pardo dedicou á mítica barca de Caronte, símbolo da viaxe ao alén, que aquí se reinterpreta como metáfora da traxectoria vital e creativa do artista, así como do propio devir do pobo galego.
A mostra é posible grazas á colaboración entre distintas entidades, coas achegas da colección da familia Díaz Pardo e préstamos doutras institucións como o Concello da Coruña, o Museo de Pontevedra, a Colección de Arte ABANCA, a Fundación Luís Seoane, a Fundación María José Jove ou a Real Academia Galega. Ademais, inclúe obras da colección permanente do propio museo, como Xentes que ollan (1963), Nu dos anos 40 ou Discurso (c. 1947-1948).
Durante o acto inaugural, o conselleiro puxo tamén en valor a cooperación institucional como motor da actividade cultural galega: “A importancia da colaboración entre as distintas institucións para sacar adiante proxectos como este do Museo de Belas Artes que nos fan medrar a nivel cultural con propostas de calidade”.
A exposición forma parte da programación de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que inclúe 43 mostras nos museos, arquivos e bibliotecas públicas ata setembro, xunto con múltiples actividades complementarias.
No caso de A barca de Caronte, a proposta enriquécese con visitas guiadas, un ciclo de conferencias e un curso impartido polo crítico e profesor Alberto Cartón, co obxectivo de achegar o legado de Díaz Pardo a centros educativos, asociacións culturais e público en xeral.