O Museo das Mariñas de Betanzos suma unha nova obra á súa colección de Rosina Martínez Barral
O Museo das Mariñas en Betanzos conta cunha nova obra para a súa colección. Trátase dun óleo titulado “Feira” pintado en 1987 pola artista brigantina Rosina Martínez Barral e no que se representa unha vista da Praza de Afonso IX.
O cadro, doado pola veciña de Betanzos María Porto, pasa a engrosar a colección de obras desta pintora que se está tratando de poñer en valor dende o museo xunto a outras pintoras da cidade como Sofía Feliu, Olimpia Tourné ou Elvira Santiso. De feito, a decisión de María Porto de doar un cadro da súa propiedade veu dada pola difusión que se están facendo destas pintoras garelas, queréndose sumar ela á homenaxe ca doazón dunha nova pintura que poderá ser apreciada por toda a veciñanza.
O contacto co Museo das Mariñas xurdiu a raíz de coñecer os proxectos nos que se pretende difundir as figuras femininas da cidade ligadas á arte, que non sempre foron recoñecidas polo simple feito de ser muller. Unha destas artistas ignoradas foi Rosina Martínez, quen ademais foi mestra de pintura de varias xeracións de betanceiros e betanceiras que pasaron polo seu taller da rúa Nova.
Mediante este agasallo engrósase a colección do Museo das Mariñas, onde as obras de Rosina están expostas xunto ás do seu pai, Francisco Javier Martínez Santiso, quen tamén foi mestre de pintura, tendo ao seu cargo a formación artística de veciñas como Dolores e María García Ramos, Marisa Couceiro, Concha Costas Amenedo, Pilar Touza, María Montoto, Manola Zuloaga, Joaquina García Iribarne, María Lago Pereira, Amparo Álvarez, Lola Naveira Beade, e tamén varios veciños como José Alguero Penedo, José Paz Vila, Ignacio Núñez Colomer, José Seijo Rubio, Juan Navaza Picado ou Antonio Núñez Díaz.
O Concello de Betanzos quere agradecer a decisión da veciña María Porto de compartir con toda a veciñanza un patrimonio que servirá para seguir difundindo a rica historia da nosa cidade.