O Museo Carlos Maside de Sada acada a protección BIC, pero o BNG considera a declaración “insuficiente”

GaliciaXa | ACoruñaXa
Este recoñecemento supón a aplicación inmediata do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia
museo-carlos-maside-sada
29 Jul 2025

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside e da súa colección, formada por 1.447 obras, recoñecendo tanto o valor arquitectónico do edificio como o interese artístico e documental do seu contido. A decisión, aprobada polo Consello da Xunta a pasada semana, chega tras un proceso iniciado en 2023 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Este recoñecemento supón a aplicación inmediata do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o que garante o máximo nivel de protección para este espazo singular xestionado pola Fundación Sargadelos, considerado un referente da arquitectura contemporánea española e un símbolo da vangarda artística galega do século XX. O museo foi concibido para acoller un proxecto cultural único impulsado por figuras clave como Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e o arquitecto Andrés Fernández-Albalat, integrando contido e continente nun espazo de forte valor simbólico.

A colección protexida inclúe obras de artistas como Seoane, Castelao, Reimundo Patiño, Alfonso Sucasas ou Urbano Lugrís, e representa unha aposta pola recuperación da memoria cultural galega a través da arte e o pensamento europeo contemporáneo. Con esta incorporación, Galicia suma xa 790 elementos declarados BIC.

Porén, desde o BNG manifestan un fondo desacordo coa decisión da Xunta. A portavoz de Cultura da formación nacionalista, Mercedes Queixas, cualificou a declaración como “insuficiente” e “incoherente” ao limitar a protección unicamente ao edificio do museo e á súa colección, ignorando, ao seu xuízo, que forma parte dun “proxecto global e integral” que inclúe as Cerámicas do Castro. Para Queixas, este conxunto representa “un proxecto pioneiro de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo”.

A deputada tamén advertiu que a declaración contrasta coa protección outorgada á factoría de Sargadelos en Cervo, que si abrangue a totalidade das instalacións, e criticou que a Xunta mude “agora si definitivamente” o nome do centro, incorporando “Sargadelos” a un museo que, lembrou, “sempre foi Museo Carlos Maside”.

Ademais, o BNG considera que a declaración chega “in extremis”, apenas tres días antes da caducidade do expediente iniciado hai dous anos, e lamenta que a Xunta ignorase as alegacións presentadas por diversos colectivos e entidades culturais. Queixas lembrou que esta protección chega tras quince anos dun acordo parlamentario unánime e grazas á presión da sociedade civil, que “reiteradamente reivindicou” a preservación deste legado.

A organización nacionalista avanzou que solicitará no Parlamento galego todos os informes técnicos e alegacións vinculados á declaración, ao tempo que reclamará unha aposta firme do Goberno galego por recuperar “de forma global este proxecto de recuperación da memoria do exilio” e converter o museo nun “espazo vivo, dinámico e aberto ao público”.

“O BNG está orgulloso deste legado patrimonial que nos deixaron en herdanza Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, e imos seguir loitando para que este museo sexa recoñecido e valorizado como merece”, concluíu Queixas.

⚙ Configurar cookies
0.093734979629517