O motor galego acende o semáforo verde na 'Catedral' do autocross

ACoruñaXa
Arteixo abre este sábado 21 de marzo o Campionato Xunta de Galicia cunha cita que reunirá 90 equipos no circuíto José Ramón Losada, primeira das sete probas do calendario de 2026
ARTEIXO 88 autocross
20 Mar 2026

O Campionato Xunta de Galicia de Autocross 2026 ergue o pano este sábado en Arteixo, onde a Peña Autocross Arteixo organiza a primeira proba da tempada no circuíto José Ramón Losada. O trazado arteixán, de 1.145 metros e consolidado como unha das referencias da especialidade, volverá ser o punto de partida dun calendario autonómico composto por sete citas, con paradas posteriores en O Castro, Carballo, unha segunda visita a Arteixo, Santa Comba, de novo Carballo e o peche final en outubro outra vez en O Castro.

A cita inaugural chega ademais cunha resposta moi notable por parte dos equipos. Segundo os datos avanzados na previa da proba, serán 90 os inscritos, repartidos en 19 participantes na Clase 1, 18 na Clase 2, 39 en Carcross, 11 en Carcross Junior e 3 Buggys. Esa elevada presenza na Clase III levou tamén á Federación Galega de Automobilismo a crear para esta tempada o novo Campionato Xunta de Galicia de Marcas de Carcross, que comeza precisamente en Arteixo.

A actividade empezará xa este venres 20 coas verificacións voluntarias entre as 18.00 e as 22.00 horas. O sábado, a xornada arrancará ás 07.30 horas coas verificacións administrativas e técnicas, antes dos adestramentos oficiais das 10.30 horas, as mangas clasificatorias e a gran final prevista para as 18.00 horas.

A Federación Galega de Automobilismo tamén emitiu un recordatorio específico de cara a esta primeira carreira. O organismo insiste en que todos os participantes deben chegar co transponder completamente cargado e ben situado no vehículo, e avisa ademais de que nesta tempada haberá verificacións técnicas máis estritas para garantir que cada coche compita dentro da súa clase regulamentaria.

Arteixo abrirá así un campionato que arrinca con novidades e cun escenario de peso dentro do autocross estatal. Non en van, o circuíto José Ramón Losada celebrou en 2025 o seu 25 aniversario e segue sendo unha das pistas máis recoñecibles do calendario, tamén para o Campionato de España. O sábado, esa tradición volverá poñerse a proba cunha grella chea e co primeiro exame real da tempada galega.

0.12869191169739