O Mosteiro de San Salvador de Bergondo acolle o concerto 'Cantar da ialma' con Susana de Lorenzo

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo será este domingo 9 de novembro, ás 18.00 horas, o escenario do concerto 'Cantar da ialma', un espectáculo musical e poético protagonizado pola soprano Susana de Lorenzo, que interpretará diversas pezas acompañándose da súa arpa de cristal, un instrumento pouco habitual que destaca pola súa sonoridade delicada e etérea.
A artista estará acompañada por Místicana e Jesús, que actuarán como lectores, achegando un compoñente literario e espiritual á proposta. O recital pretende ofrecer unha experiencia íntima e sensorial, combinando música e palabra para convidar á reflexión e á calma interior.
O evento, que se celebrará no marco incomparable do histórico mosteiro bergondés, supón unha oportunidade para gozar dun formato musical pouco frecuente, no que a beleza da voz lírica e o timbre cristalino da arpa se mesturan co simbolismo dos textos recitados.
O Concello de Bergondo anima á veciñanza e ao público da comarca a achegarse a esta cita cultural, de acceso libre ata completar aforo, que pon en valor o patrimonio artístico e arquitectónico local a través da música e da poesía.