O Mosteiro de San Salvador abre un ano de actos polo seu 900 aniversario en Bergondo

ACoruñaXa
O programa '900 anos de memoria en pedra' arrancou cun acto no propio templo, no que participaron autoridades, representantes eclesiásticos e veciñanza, nunha xornada que puxo en valor a historia e o futuro deste enclave patrimonial
BERGONDO 900 años
21 Mar 2026

O Concello de Bergondo inaugurou este sábado 21 de marzo a programación conmemorativa polo 900 aniversario do primeiro documento conservado do Mosteiro de San Salvador, nun acto celebrado na igrexa do propio cenobio que reuniu a numerosas autoridades, alcaldes e alcaldesas da contorna e a veciñanza do municipio.

Baixo o lema '900 anos de memoria en pedra', a cita serviu para dar comezo a un ano de actividades culturais e divulgativas arredor dun dos espazos máis senlleiros do concello. A xornada estivo conducida polo xornalista Alfonso Hermida e arrincou cun momento de especial simbolismo, coa entrada dun monxe bieito e a lectura da tradución do facsímile da doazón realizada pola condesa Maior Roderici.

No acto interviñeron o párroco de Bergondo, Rubén Aramburu; a abadesa de San Paio de Antealtares, Almudena Vilariño; o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso Miramontes; o portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.

No peche institucional, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, destacou a relevancia desta efeméride e puxo o foco no valor patrimonial e identitario do mosteiro. A rexedora subliñou que se trata dun 'espazo único que aglutina a todos os bergondeses' e lembrou que o templo é Ben de Interese Cultural, ademais dun punto clave do Camiño Mariñán. Nesta liña, tamén incidiu na importancia da colaboración entre administracións e do traballo de entidades e persoas voluntarias para garantir a conservación e posta en valor do recinto.

A celebración combinou historia, música e divulgación. O público puido ver un vídeo documental, dividido en dúas partes, sobre os nove séculos de vida do Mosteiro de San Salvador, mentres que a ambientación musical correu a cargo de Keilin e Vilariño. Ademais, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas instalou un espazo expositivo para reforzar a conexión do mosteiro co territorio.

Unha vez rematado o bloque institucional, as persoas asistentes participaron nunha visita guiada polas dependencias do convento. Un dos momentos máis destacados do percorrido foi a entrada á capela de Santa Catalina, propiedade da familia Aldao, que abriu este espazo de maneira excepcional para a ocasión. Nos corredores do mosteiro tamén se colocaron paneis informativos para dar a coñecer con detalle a evolución histórica do enclave ao longo destes 900 anos.

A xornada rematou cun encontro de confraternidade no que se ofreceu unha degustación do tradicional viño de misa acompañado da Torta Mosteiro de Bergondo, elaborada por San Isidro Bakery.

Con esta inauguración, o Concello abre oficialmente un calendario de propostas que se desenvolverá ao longo de todo 2026 e que incluirá concertos, representacións teatrais, exposicións e visitas para grupos. Ademais, a partir de abril comezarán as visitas guiadas regulares, coa intención de achegar este patrimonio tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

0.11887907981873