O Mosteiro de San Salvador abre o ano do seu 900 aniversario cun acto público e unha exposición

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo converterase o sábado 21 de marzo no punto de partida dunha conmemoración que se estenderá durante todo 2026. O Concello celebrará ese día, a partir das 12.00 horas e no propio cenobio, o acto inaugural da programación do 900 aniversario do primeiro documento conservado vencellado ao mosteiro, unha efeméride que se artella baixo o lema '900 anos de memoria en pedra'.
A convocatoria está aberta ao público e incluirá intervencións institucionais e eclesiásticas, un pequeno concerto de piano e, como peza central, unha visita guiada ao espazo expositivo que se instalará en distintas estancias do conxunto. A idea, segundo avanza o Concello, é construír unha axenda viva, con actividades e exposicións que se irán anunciando ao longo do ano, para animar a volver en diferentes momentos e descubrir novos contidos.
Un dos atractivos do percorrido definitivo será a inclusión da capela de Santa Catalina, á que se poderá acceder grazas á autorización dos seus propietarios. Trátase dun engadido de época posterior ao templo románico, moi singular dentro do conxunto, que adoita permanecer fóra das visitas habituais.
A conmemoración mira tamén cara á historia documentada do mosteiro. O Concello lembra que o texto máis antigo conservado é unha doazón na que a condesa Maior Roderici, viúva do conde Pedro Froylaz de Traba, entrega a igrexa de 'Santo Vincenzo de Marrugio' (a actual San Vicente de Moruxo) á comunidade monástica. Ese documento consérvase na Real Academia Galega, dentro do chamado Fondo Murguía.
A programación do 900 aniversario busca, en definitiva, poñer o foco nun dos espazos patrimoniais máis recoñecibles do municipio e convidar á veciñanza e a quen visite Bergondo a volver mirar o mosteiro con novos ollos, combinando divulgación histórica, actividade cultural e apertura de novos espazos.