O Morriña Fest pecha edición reunindo a máis de 30.000 persoas na Coruña

ACoruñaXa
Con artistas como Nathy Peluso, Ozuna, Recycled J, Duncan Dhu, Miss Caffeina ou Elena Rose que fixeron vibrar ao público
morriña fest
27 Jul 2025

A Coruña viviu esta fin de semana unha das edicións máis exitosas do Morriña Fest, que reuniu a máis de 30.000 persoas no peirao de Batería, confirmando a súa posición como un dos grandes festivais musicais do verán galego. Cun cartel que combinou figuras consolidadas con novas voces emerxentes, a cita destacou pola súa diversidade e pola calidade técnica das actuacións.

Durante dous días, artistas como Nathy Peluso, Ozuna, Recycled J, Duncan Dhu, Miss Caffeina ou Elena Rose fixeron vibrar ao público nun recinto que gozou dun ambiente extraordinario, sen incidencias salientables e cunha resposta entusiasta tanto da veciñanza como de visitantes chegados doutras zonas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, valorou o éxito do evento destacando “a capacidade organizativa, o atractivo da cidade e a fortaleza da nosa programación cultural, que este verán está a superar todas as expectativas”. Tamén quixo poñer o foco no impacto económico e turístico do festival, cualificándoo como “motor de dinamización económica, turística e social”.

O Morriña Fest apostou tamén por un formato urbano e accesible, cunha sesión vermú nos Xardíns de Méndez Núñez e unha programación paralela en diferentes puntos da cidade, integrando a música na vida cotiá da Coruña.

Un verán de récord na axenda cultural coruñesa

Segundo datos do propio Concello, a programación cultural de verán da cidade xa superou as 350.000 persoas participantes entre xuño e xullo, nunha combinación de concertos, festivais e celebracións populares como a Noite de San Xoán. Estes números históricos confirman a consolidación do modelo cultural coruñés como referente en Galicia.

A alta ocupación hostaleira e o impulso ao comercio e á restauración local reflicten tamén os beneficios dun modelo que aposta por unha cultura diversa, de calidade e aberta á participación cidadá.

A programación continúa nas próximas semanas co inicio das Festas de María Pita e o Festival Noroeste Estrella Galicia, que manterán a cidade no epicentro da actividade cultural galega.

“Estamos a vivir un verán excepcional, e isto é froito dunha planificación rigorosa e dunha aposta decidida pola cultura como motor de cidade. A Coruña está a responder e a desfrutar”, concluíu Inés Rey.

⚙ Configurar cookies
0.20481991767883