O Ministerio de Medio Ambiente comprométese a renovar o paseo marítimo de O Burgo

O Ministerio de Medio Ambiente comprométese a renovar o paseo marítimo de O Burgo
“O paseo marítimo de O Burgo volverá recuperar o seu esplendor.” O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, anunciou que o Ministerio de Medio Ambiente asumirá a renovación integral deste espazo, co obxectivo de reparalo tras os danos ocasionados polas obras de dragado da ría.
O rexedor foi recibido na sede ministerial en Madrid polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e pola directora xeral da Costa e o Mar, Ana Oñoro, para abordar a situación do paseo marítimo. Rioboo presentou un dossier técnico no que se detallaban os desperfectos sufridos na zona, dos cales o Ministerio xa tiña constancia.
Morán confirmou ao alcalde que se levará a cabo unha mellora integral do paseo marítimo, xa que “non se pode deixar neste estado despois dunha obra de gran envergadura como foi a rexeneración do estuario, que tivo un impacto no seu entorno”.
“Agradezo o compromiso de Hugo Morán, que mostrou unha total disposición para actuar en toda a contorna afectada e garantir que a finalización das obras de dragado estea á altura do que merece a cidadanía de Culleredo”, sinalou Rioboo.
Os traballos incluirán a reparación de todas as infraestruturas e zonas afectadas. Así, renovaranse as losetas danadas polo paso da maquinaria pesada, corrixiranse os defectos no pavimento e restaurarase o carril bici.
A balaustrada tamén será obxecto de melloras, estudándose a súa substitución por unha nova estrutura de bloques de formigón. As zonas verdes serán renovadas para recuperar os espazos deteriorados durante as obras, incluíndo a reposición do arbolado.
Durante a reunión acordouse que o Ministerio, o Concello e a Demarcación de Costas manterán un novo encontro nas próximas semanas para concretar as actuacións a realizar. O Estado está xa a elaborar un proxecto técnico que recollerá os investimentos necesarios e que servirá de base para a execución das obras.
O alcalde subliñou o compromiso do Concello para colaborar en todo o necesario e garantir que o proxecto se leve a cabo. “O paseo marítimo de O Burgo é un espazo de referencia para os veciños de Culleredo e de toda a área metropolitana, e agora máis que nunca debemos coidalo”, concluíu Rioboo.