O metrosidero bicentenario da Policía Local aspira a coroarse como Árbore do Ano en España

ACoruñaXa
O exemplar máis antigo da cidade, de posible orixe neozelandesa e incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, participa no certame estatal cunha votación en liña aberta do 17 de novembro ao 17 de decembro
A CORUÑA arbore policia
17 Nov 2025

A Coruña tenta facerse un oco no mapa arbóreo do Estado coa candidatura dun dos seus tesouros verdes máis singulares: o metrosidero de máis de dous séculos que medra no xardín do cuartel da Policía Local, no barrio de Monte Alto. O Metrosideros excelsa Gaertn, considerado o exemplar arbóreo máis antigo da cidade, representará ao municipio no concurso estatal 'Árbore e Bosque do Ano en España 2026', promovido pola ONG Bosques Sin Fronteras.

O certame recoñece árbores e masas forestais que, alén da súa beleza ou porte, concentran historias humanas, memoria colectiva e valores culturais. En España, o gañador da edición 2025 foi o piñeiro Juan Molinera, en Abengibre (Albacete), que competirá agora polo título europeo, o que dá idea da proxección que acada este recoñecemento.

No caso coruñés, o metrosidero destaca polas súas dimensións e pola súa forte presenza no espazo urbano: alcanza arredor de 20 metros de altura, presenta un perímetro de tronco próximo aos 8 metros e unha copa que se estende uns 30 metros de diámetro, converténdose nun fito paisaxístico na contorna de Orillamar. O exemplar está incluído desde hai anos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, co código 63A, que agrupa árbores protexidas polo seu valor excepcional.

A historia desta árbore engádelle un plus de fascinación. Diversas investigacións apuntan a que o metrosidero, especie orixinaria de Nova Zelandia, podería ter chegado a Galicia da man de mariñeiros españois no século XVI, no contexto das exploracións no océano Pacífico. Esta hipótese recóllese no libro 'Nova Zelandia, un puzle histórico', do escritor e mariño Winston Cowie, que sitúa o exemplar coruñés como unha posible peza clave para entender o papel da navegación española nesa área do mundo.

Para a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, a candidatura vai máis alá dun simple concurso. 'Este metrosidero é moito máis ca unha árbore: é memoria viva da cidade e un símbolo da conexión entre natureza, identidade e coñecemento. Presentalo ao certame é unha maneira de reivindicar o noso patrimonio e de proxectar A Coruña cara ao exterior cun relato singular e cheo de contido', subliñou, ao tempo que convidou á veciñanza a implicarse na votación para que 'esta árbore leve o nome da Coruña por todo o país'.

A votación cidadá desenvolverase entre o 17 de novembro e o 17 de decembro a través da páxina web oficial do certame. Cada persoa poderá emitir un voto en cada modalidade e, para que sexa computado, deberá introducir un correo electrónico e confirmar posteriormente a súa elección.

Se o metrosidero coruñés resulta elixido como Árbore do Ano en España 2026, obterá ademais o billete para participar no concurso europeo 'Tree of the Year', o que permitiría reforzar a imaxe de A Coruña como cidade comprometida coa conservación do patrimonio natural e cun modelo de espazo urbano entendido como ecosistema vivo.

O Concello apela á mobilización cidadá para que este símbolo verde, discreto pero profundamente ligado á historia local, gañe visibilidade máis aló da cidade e se converta nun embaixador da Coruña en clave ambiental.

⚙ Configurar cookies
0.074242830276489