O Mesón do Vento acollerá unhas xornadas sobre o cultivo do grelo

ACoruñaXa
Serán de balde os días 7 e 8 de novembro, con sesión técnica no mercado agrario e práctica nunha leira próxima
ORDES jornada grelo
30 Oct 2025

O mercado agrario comarcal do Mesón do Vento será a sede das xornadas ‘Grelo Galego. Un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio’, unha iniciativa gratuíta que busca actualizar coñecementos e profesionalizar o cultivo dun dos produtos máis recoñecidos do municipio. O venres 7 de novembro desenvolverase, de 17.00 a 21.00, unha sesión teórica e de intercambio técnico, mentres que o sábado 8, de 10.00 a 12.00, terá lugar unha demostración práctica nunha leira próxima.

As sesións estarán dirixidas por Fernando Almeida García (doutor en Enxeñería Agrónoma) e Antonio Fontenla Martínez (licenciado en Veterinaria e técnico en calidade), que abordarán certificación e vantaxes da IXP Grelos de Galicia, técnicas modernas de produción (rotacións, fertilización orgánica, sementeira e rega para desestacionalizar), así como control de malas herbas, pragas e enfermidades e uso axeitado de fitosanitarios.

Tamén se tratarán o procesado e a comercialización (fresco e conserva), incluíndo lavado, escaldado e envasado con trazabilidade, xunto con contidos de innovación e sostibilidade (deseño e adaptación local de maquinaria, tramitación de axudas). Pecharase cunha comparativa entre recolección manual e mecanizada. As inscricións están abertas no teléfono 981 680 002 (ext. 4) ou no correo cultura@ordes.gal. A actividade conta coa colaboración da Xunta de Galicia (AGACAL) e da IXP Grelos de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.076539993286133