O Mercado Templario do Burgo regresa do 3 ao 6 de xullo como cita co medievo en Culleredo

ACoruñaXa
Durante catro días poderase gozar dunha ampla programación: animacións, espectáculos de lume, pasarrúas...
cull-medievo
26 Jun 2025

O Concello de Culleredo celebrará unha nova edición do seu xa consolidado Mercado Templario do Burgo do Faro entre os días 3 e 6 de xullo. A cita, que se desenvolverá no Paseo Marítimo do Burgo, nas inmediacións da ponte, recreará a atmosfera da Idade Media, etapa histórica na que esta zona tivo un papel destacado.

Durante os catro días do evento, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha ampla programación que inclúe animacións, espectáculos de lume, pasarrúas, música en directo, trapecistas, batucadas, zancudos, seres mitolóxicos ou bufóns, entre outras propostas que encherán de vida e cor o espazo do mercado.

A inauguración terá lugar o xoves 3 de xullo, coa posta en marcha das primeiras actividades de animación. A programación manterase activa cada día con espectáculos para todos os públicos, así como postos de venda de artesanía, gastronomía e produtos variados. O mercado tamén contará cun espazo infantil, con xogos, obradoiros e atraccións ecolóxicas pensadas para os máis pequenos.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, subliña a importancia desta cita para o municipio: “O Mercado Templario xa é unha cita imprescindíbel para Culleredo”. Rioboo destaca que se trata dun evento que “cada ano atrae a centos de persoas e se converteu nun verdadeiro aliciente para o desenvolvemento económico e turístico do noso concello”.

A celebración do Mercado Templario do Burgo do Faro representa unha oportunidade única para mergullarse na historia local e ao mesmo tempo dinamizar a economía da zona, consolidándose como un referente cultural e festivo do verán na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.3613440990448