O Mercado Ecolóxico regresa á Praza da Tolerancia da Coruña avogando polo consumo responsable

ACoruñaXa
Unha iniciativa mensual e itinerante que aposta polo consumo sostible e a promoción do comercio local
tolerancia-corunha
27 Jul 2025

O Concello da Coruña celebrará este domingo, 27 de xullo, unha nova edición do Mercado Ecolóxico, que terá lugar na Praza da Tolerancia, no horario de 10.00 a 15.00 horas. Trátase dunha iniciativa mensual e itinerante que aposta polo consumo sostible e a promoción do comercio local e metropolitano.

Durante a xornada, veciñanza e visitantes poderán atopar unha ampla variedade de produtos de alimentación de proximidade e sostibles, ofrecidos por produtoras e produtores comprometidos coa calidade e o respecto polo medio. A feira incluirá tamén postos con artigos artesanais, galegos e elaborados con criterios sostibles, procedentes tanto da cidade como da súa contorna metropolitana.

Ademais da oferta comercial, o evento contará cunha programación paralela dirixida a todos os públicos. Durante toda a mañá, haberá un espazo infantil con actividades de lecer creativo. Entre as propostas destaca o obradoiro “Centoliñas”, centrado no traballo con refugallos, que se desenvolverá de 11:30 a 12:30 horas. A actividade é gratuíta, cun aforo limitado a 15 persoas, e a inscrición realizarase no propio mercado a partir das 10:00 horas.

Tamén está prevista unha degustación de produtos de Galo Celta ás 12:00 horas, onde se presentarán embutidos elaborados ao 100 % con carne de polo. A música poñeraa a artista local Mamen Bazarra cun concerto ás 13:00 horas no que interpretará temas propios e versións.

 

⚙ Configurar cookies
0.17886996269226