O Mercado dos Faros ilumina A Coruña cunha xornada dedicada ao patrimonio mariño

Galicia atesoura 44 faros, dende a milenaria Torre de Hércules —Patrimonio da Humanidade— ata Silleiro, pasando polas Cíes, Corrubedo, o Semáforo de Fisterra, Vilán, Prior, Ortegal ou Illa Pancha. A pesar desta densidade única, poucas veces se artellaron iniciativas que os sitúen no centro do discurso cultural e social, vinculándoos ao servizo silencioso que prestan ás vilas que viven ao abrigo dos seus feixes de luz. Con ese espírito chega a A Coruña o Mercado dos Faros, unha xornada en clave divulgativa e celebrativa do noso litoral.
A cita terá lugar o sábado 1 de novembro de 2025, entre as 11.00 e as 21.00 horas, no Hotel NH Collection Finisterre. O encontro pretende dar visibilidade ás relacións entre mar, patrimonio e comunidade, convidando o público a coñecer mellor a historia, a identidade e a economía creativa vinculadas aos faros galegos. Aquí podes consultar a programación.
O Mercado dos Faros conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, da Deputación da Coruña, de Turismo da Coruña, de Estrella Galicia e de Jaspe Art. A organización busca reforzar a consideración dos faros como símbolos de memoria, identidade e seguridade no mar galego.