O mercado de San Agustín exporá os traballos da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo
Este mércores, 17 de abril, a Xunta de Goberno Local da Coruña autorizou a cesión dun espazo no mercado municipal de San Agustín para acoller a XVI edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.
A iniciativa, impulsada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, estará na cidade entre os días 24 de abril e 4 de xuño, para achegar á cidadanía os traballos finalistas desta bienal.
“Falamos dunha proposta moi importante a nivel divulgativo, porque ademais de amosar os mellores proxectos desenvolvidos recentemente por profesionais españois da arquitectura e o urbanismo, tamén será un foro de debate no que se abordarán as liñas de acción actuais e tamén as estratexias de futuro nos eidos da arquitectura e a planificación urbanística”, detallou a alcaldesa Inés Rey este mércores en rolda de prensa. A mostra estará habilitada na planta superior do mercado municipal.