O Mercado de San Agustín converterase no escaparate do comercio coruñés con ‘O Balcón Atlántico’ o 7 e 8 de febreiro

ACoruñaXa
A feira xunta estudos, servizos, hostalería e tendas con local na cidade e anunciará a súa programación completa de obradoiros e charlas a vindeira semana
A CORUÑA balcon atlantico
28 Jan 2026

O Mercado de San Agustín acollerá o sábado 7 e o domingo 8 de febreiro de 2026 ‘O Balcón Atlántico’, unha mostra multidisciplinar que pretende poñer o foco no tecido empresarial que traballa a pé de rúa na Coruña: estudos creativos, comercios, hostalería e servizos profesionais con sede física na cidade.

A iniciativa quere diferenciarse doutras propostas máis efémeras e reivindicar o valor dos proxectos consolidados nos distintos barrios, achegando ao público quen ‘abre a porta’ cada día e favorecendo un contacto directo e próximo cos clientes.

Durante as dúas xornadas, o mercado non funcionará só como zona expositiva: haberá actividade continua con obradoiros e charlas dirixidas polos propios participantes, presentacións de proxectos e propostas gastronómicas para completar a visita. O horario previsto é de 11.00 a 21.00 horas.

A organización está a pechar os últimos detalles e avanzou que a axenda oficial con horarios, talleres e relatorios se fará pública a vindeira semana.

⚙ Configurar cookies
0.07756519317627