O mercado de Nadal de María Pita perde postos e suma polémicas a poucos días do peche

O mercado de Nadal instalado na praza de María Pita atravesa os seus días máis complicados cando aínda faltan xornadas para o peche previsto o 2 de xaneiro. O que naceu como unha das apostas do Concello para dinamizar o centro durante as festas (cun formato inspirado nos mercados europeos e arredor de medio cento de casetas, ademais de zona infantil e proposta gastronómica) está a quedar marcado por críticas, incidencias e unha caída progresiva da actividade.
Este domingo sumáronse novas baixas e xa son 19 de 35 os postos que botaron o peche definitivo, ata o punto de que habería máis casetas baixadas ca operativas. Parte dos vendedores (moitos chegados doutras cidades) optaron por marchar antes de rematar a campaña ante as dificultades para facer rendible a súa presenza.
A situación tensouse aínda máis tras un episodio no que se chegou a desprazar un operario para executar un corte de luz, que finalmente non se levou a cabo tras a intervención e mediación no propio recinto. Distintas informacións apuntan a débedas na instalación eléctrica duns 7.000 a 8.000 euros e a un cruce de reproches entre a empresa concesionaria e os inquilinos das casetas.
A alcaldesa, Inés Rey, xa recoñecera a comezos de decembro que o resultado inicial do mercado non se correspondía co proxecto presentado durante a licitación e anunciou que se esixirían melloras para reconducir a estética e o contido da proposta.