O Mercado de Nadal de María Pita abre este venres con máis de 40 postos e protagonismo solidario

ACoruñaXa
O recinto, con máis de 30 comercios e 10 postos de hostalaría, funcionará ata o 2 de xaneiro con horario continuo de mañá e tarde, animación infantil e a venda de 3.000 bolas de Nadal solidarias a favor das entidades sociais da cidade
A CORUÑA mercado navideño
Imaxe dunha edición anterior
24 Nov 2025

A praza de María Pita converterase desde este venres no epicentro do Nadal coruñés co inicio do Mercado de Nadal, que o Concello empezou a instalar xa esta semana. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a programación festiva e avanzou que o novo mercado contará con máis de 30 postos comerciais e 10 de hostalaría, configurando un grande espazo de encontro para veciñanza e visitantes.

O Mercado de Nadal abrirá as súas portas o venres 28 e manterase activo ata o venres 2 de xaneiro, en horario de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00 horas todos os días, ampliándose ata as 23.00 horas os venres, sábados e vésperas de festivo. No centro do recinto habilitarase unha praza gastronómica con propostas típicas destas datas (churros, crepes, viño quente ou gofres) xunto con postos de comida de diferentes partes do mundo.

A oferta comercial incluirá alimentación variada, menaxe, xoiería, artesanía, complementos, roupa e elementos de decoración de Nadal, entre outros produtos. Todo o espazo estará ambientado con iluminación especial e abondosa presenza de abetos e elementos ornamentais. 'Esperamos que este mercado se converta no gran punto de encontro da cidadanía e nos sitúe ao nivel doutras grandes cidades europeas con tradición neste tipo de iniciativas' sinalou Rey.

O Mercado de Nadal terá tamén un marcado carácter solidario. O Concello reservará de maneira gratuíta un posto para as entidades do terceiro sector, organizacións sociais da cidade e colectivos vinculados á diversidade funcional. Ademais, poñeranse á súa disposición máis de 3.000 bolas de Nadal con deseños inspirados na Coruña, que se poderán adquirir neste espazo por un prezo de 10 euros. A recadación íntegra destinarase ás asociacións beneficiarias. 'Agardamos que se convertan no gran agasallo deste ano e que moitas árbores coruñesas luzan estas bolas' apuntou a rexedora.

O arranque do mercado coincidirá co acendido oficial do alumeado de Nadal, que terá lugar este venres ás 19.00 horas na propia praza de María Pita. O ex futbolista deportivista Bebeto será o encargado de premer o botón desde o balcón do Palacio Municipal acompañado pola rapazada gañadora e finalista do concurso municipal de postais de Nadal. Este ano a cidade contará con case 3 millóns de luces led e preto de medio milleiro de arcos luminosos repartidos polos barrios, coa bola e o abeto xigantes situados na Mariña debido ás obras nos Cantóns.

En paralelo ao Mercado de Nadal, o Concello deseñou unha programación con máis de 300 actividades culturais e de lecer ata o 5 de xaneiro, que inclúe concertos, teatro, recitais corais, visitas guiadas e propostas infantís repartidas por espazos como o Coliseum, o Teatro Colón, o Rosalía, o Ágora ou o Fórum. Ademais, este mércores ábrese o prazo de inscrición para os Campamentos de Nadal nos centros cívicos, cun total de máis de 500 prazas pensadas para favorecer a conciliación das familias durante as vacacións escolares.

⚙ Configurar cookies
0.07952618598938