O mellor cinema galego recente volve ás pantallas coruñesas en abril

A Coruña converterase entre o 7 e o 10 de abril nun dos grandes escaparates do audiovisual do país coa celebración da VII Semana do Cinema Galego, unha cita xa consolidada que achegará ao público algunhas das producións máis destacadas do último ano. O evento reunirá oito filmes en catro xornadas, con sesións gratuítas no Teatro Colón e na Domus.
A mostra, de carácter non competitivo, presentará as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental, ofrecendo así unha panorámica ampla do momento creativo que vive o cinema galego. Ademais das proxeccións, cada sesión contará coa participación dos equipos das películas, que introducirán as obras e dialogarán co público.
A programación abrirase o martes 7 de abril no Teatro Colón con ‘Sirât’, de Oliver Laxe, ás 19.00 horas. O filme chega á cita tras converterse nun dos títulos máis recoñecidos do audiovisual galego recente e despois de acadar o Premio Mestre Mateo á Mellor Longametraxe. Esa mesma xornada, ás 21.00 horas, proxectarase ‘As liñas descontinuas’, de Anxos Fazáns.
O mércores 8, tamén no Teatro Colón, será a quenda de ‘San Simón’, de Miguel Ángel Delgado, ás 19.00 horas, e de ‘Antes de nós’, de Ángeles Huerta, ás 21.00 horas. Xa o xoves 9, a actividade trasladarase á Domus, onde se poderán ver ‘Deuses de pedra’, de Iván Castiñeiras, ás 19.00 horas, e ‘Ao son da nova regueifa’, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, ás 21.00 horas.
A clausura chegará o venres 10 na Domus con ‘O silencio herdado’, de Lucía Dapena González, ás 19.00 horas, e ‘360 curvas’, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, ás 21.00 horas. Este último título foi distinguido co Premio Mestre Mateo a Mellor Documental.
A Semana do Cinema Galego volverá así a situar en primeiro plano a forza do sector audiovisual galego, cunha selección de obras que percorren cuestións como a memoria histórica, a identidade, o mundo rural e os cambios sociais. Trátase, ademais, dunha cita que busca reforzar o vínculo entre as creadoras e o público, un dos sinais de identidade dun evento que na pasada edición xa rexistrara unha media duns 300 espectadores por xornada.