O Mariñas Sound desembarca en Betanzos cun cartel que aposta pola música urbana e electrónica

ACoruñaXa
A programación aposta pola música urbana e electrónica, reunindo artistas de proxección internacional, nacional e talentos locais
betanzos-marinhas-fest
13 Jun 2025

Betanzos prepárase para vivir unha noite de festa e música co lanzamento do Mariñas Sound, un novo festival que terá lugar o vindeiro 24 de xullo no Parque do Pasatempo. A cita foi presentada este xoves pola alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Xuventude, Ricardo Cheda, acompañados pola organización do evento, e conta co respaldo institucional do Concello.

Este festival supón un fito para a cidade, ao ser o primeiro desta categoría e estilo musical celebrado en Betanzos. A súa programación aposta pola música urbana e electrónica, reunindo artistas de proxección internacional, nacional e tamén talentos locais, nunha proposta que promete converter o Mariñas Sound nun referente na comarca.

No cartel destacan nomes como Gonzy, Alex Martini, D. Valentino e Skinyz, artistas recoñecidos no panorama da música urbana actual. Xunto a eles estarán tamén Borja Solla, Sote, Bermu, Telmo Brea e Unaii, completando unha oferta que combina traxectorias consolidadas con novas promesas.

O festival tamén será unha plataforma para artistas emerxentes e locais, como Ale Rosende, Norte, Fiuza, Marco Rossi, Baliza, Meddi e Dimi, que terán a oportunidade de compartir escenario cun line up de nivel.

A celebración do evento no emblemático Parque do Pasatempo achega un atractivo engadido á proposta, unindo música e patrimonio nun entorno único. O Mariñas Sound conta co apoio de numerosos patrocinadores locais e da iniciativa privada, nun esforzo colectivo por dinamizar a vida cultural da vila e ofrecer alternativas de lecer á mocidade.

A entrada será libre, e o festival preséntase como unha cita destacada no calendario estival da comarca das Mariñas.

⚙ Configurar cookies
0.16369318962097