O Mareira Fest 2025 quenta motores para a súa edición máis ambiciosa

ACoruñaXa
A Sala Pantalán acollerá finalmente o evento tras un cambio de recinto obrigado
mareira-fest
17 Apr 2025

O Mareira Fest quenta motores para celebrar unha nova edición que terá lugar o sábado 26 de abril na cidade da Coruña. A Sala Pantalán, situada na praia de Oza (nº1), acollerá finalmente o evento tras un cambio de recinto obrigado por causas alleas á organización. Esta modificación permite garantir a celebración do festival e manter o compromiso adquirido co público e coas trece formacións confirmadas.

Post-rock, post-metal, industrial e electrónica experimental volverán ser os protagonistas nunha cita que se perfila como a máis ambiciosa ata o momento. Máis de 30 artistas, integrados en 13 proxectos musicais, subirán ao escenario para ofrecer máis de dez horas ininterrompidas de música, entre as 16.00 e as 03.00 horas.

Al final solo habrá cenizas, Arden Lux, Black & Blue, Black Pyramid, Death Whistle, Fouce, Lys Morke, Maquina., Moura, Sangre de Muérdago, Santacreu, Unamoto e Viernes y Furia forman o cartel desta edición, que aposta por unha proposta de pequeno formato con entrada limitada a 300 persoas.

Ademais do habitual servizo de barras, a sala contará cun food truck de Vanetta Food, que ofrecerá unha alternativa vexetariana elaborada con produtos galegos.

Tras quince anos programando os sons máis extremos e mantendo unha identidade firme, Mareira Fest consolídase como unha cita de referencia para as músicas máis experimentais e comprometidas do panorama alternativo.

⚙ Configurar cookies
0.1280620098114