O mar entra na aula: Sada acolle o obradoiro 'Mergullando dende a clase'

ACoruñaXa
Unha iniciativa da Deputación da Coruña que leva o ecosistema mariño galego directamente ás aulas
sada-mar-ceip
10 Jun 2025

O CEIP Pedro Barrié de la Maza, en Sada, foi o escenario da inauguración do obradoiro “Mergullando dende a clase”, unha iniciativa da Deputación da Coruña que leva o ecosistema mariño galego directamente ás aulas. A deputada provincial de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na apertura desta actividade educativa que busca achegar o mar ao alumnado de primaria sen necesidade de saír do centro escolar.

A proposta, que se enmarca dentro da programación especial polos Días Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e dos Océanos (8 de xuño), percorrerá dez centros de concellos de menos de 20.000 habitantes e chegará a máis de 400 nenos e nenas da provincia. A través de tecnoloxía inmersiva, vídeos submarinos, dinámicas participativas e realidade virtual en 360º, o alumnado coñece de primeira man a riqueza natural das costas galegas.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García salientou o valor pedagóxico da iniciativa: “Queremos que o mar, un recurso fundamental para Galicia, entre nas aulas e se converta nunha ferramenta educativa que esperte vocacións, conciencia ambiental e respecto polo medio desde as idades máis temperás”. A deputada engadiu tamén que con este proxecto se pretende “facer visible a riqueza natural das nosas costas, porque o mar forma parte da identidade colectiva de Galicia e o seu coidado é responsabilidade de todas e todos”.

O obradoiro, cunha duración de dúas horas e media, divídese en dúas partes: unha primeira centrada na observación do ecosistema mariño mediante materiais audiovisuais e xogos, e unha segunda máis práctica e sensorial, coa experiencia virtual e o taller “Detectives das Mareas”, no que o alumnado analiza restos naturais recollidos nas praias para comprender mellor o funcionamento da vida mariña.

Cada participante recibe unha bolsa con materiais educativos —como gorra, bolígrafo, libreta e bidón de auga— e os centros reciben o libro *Alén do Azul*, elaborado pola Deputación como recurso didáctico transversal para seguir traballando sobre o mar desde distintas materias.

Esta acción enmárcase no compromiso da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña coa educación ambiental e a sensibilización fronte aos retos ecolóxicos actuais, como a loita contra a contaminación por plásticos, tema central do Día Mundial do Medio Ambiente deste ano.

⚙ Configurar cookies
0.16138386726379