O mar como escola de vida: o Club SUP MERA, dez anos xerando talento no paddle surf galego

Por Amanda Fernández
Hai unha década nacía nas augas tranquilas da praia de Mera un proxecto pequeno pero ambicioso: achegar o paddle surf á veciñanza e fomentar a práctica dun deporte en harmonía co medio natural. Hoxe, o Club SUP MERA é un referente en Galicia, cunha sólida base de socios, presenza en competicións internacionais e unha filosofía que pon no centro o crecemento persoal e deportivo desde idades temperás.
O seu adestrador, Antón Sans, repasa os fitos máis destacados, os valores que guían ao club e os retos que teñen por diante para seguir medrando sen perder a esencia familiar que os define.
Como e cando naceu o Club SUP MERA? Cal foi a súa evolución ata converterse nun referente do paddle surf en Galicia?
O Club SUP MERA naceu hai 10 anos coa intención de achegar o paddle surf á contorna da praia de Mera, un espazo ideal pola súa localización e condicións naturais. Comezamos cun grupo reducido de rapaces e rapazas e, ano tras ano, fomos medrando ata converternos nun club estable en 2019 con preto de 60 socios anuais, todos federados e moitos deles participando en competicións galegas, estatais e mesmo internacionais. A nosa evolución baséase na constancia, no traballo en equipo e na paixón polo mar e o deporte.
Que papel xoga o paddle surf na contorna de Mera e Oleiros? Notan un aumento no interese e na práctica deste deporte nos últimos anos?
Si, sen dúbida. En Mera e Oleiros o paddle surf consolidouse como unha actividade deportiva e de lecer cada vez máis valorada. A proximidade ao mar, o contacto coa natureza e a versatilidade da práctica fixeron que tanto, nenos como adultos, se animasen a probalo. Ademais, traballamos activamente con centros escolares, familias e administracións para facilitar o acceso a este deporte.

Como se prepara un deportista mozo como Nacho Iglesias para competir a nivel estatal, como no recente Campionato de España de Larga Distancia?
No club apostamos por unha preparación completa. No caso de Nacho, combínase o adestramento físico específico sobre a táboa con rutinas de forza, resistencia e mobilidade. Tamén traballamos aspectos técnicos, tácticos e psicolóxicos, así como a planificación da tempada con obxectivos claros. A súa evolución é un orgullo e un exemplo para os máis novos e o resto dos integrantes do club.
Cales son os últimos logros do club que destacarían?
Nos últimos tempos tivemos unha importante representación en probas da Liga Galega e da Federación Española de Surf. Participamos no Mundial ICF en Florida con representación do club, organizamos a quinta edición do SupMera Festival con máis de 130 participantes e seguimos impulsando o deporte base e a inclusión a través de grupos diversos. Todo isto sen perder o noso carácter familiar e próximo. Entre os logros mais recentes:
Eusebio Rodríguez primeiro na proba técnica/masc categoría Gran máster da liga ESL (European Sup League) en Melilla. Segundo na proba Larga Distancia/masc e segundo en Técnica de la liga ESL en Málaga.
María Rivero, primeira na proba técnica/fem categoría Gran máster da liga ESL (European Sup League) en Melilla. Segunda no Campionato de España de sprints/fem categoría Gran máster disputado tamén en Melilla.
Ignacio Iglesias, terceiro no campionato de España de larga distancia/ masc categoría Sub16 disputado en Melilla.

Cal é a filosofía do club en canto á formación de novas promesas? Como se detecta e se potencia o talento desde idades temperás?
A nosa filosofía baséase en ensinar dende os fundamentos, respectando os ritmos de aprendizaxe e acompañando a cada deportista no seu proceso. Non buscamos resultados inmediatos, senón persoas comprometidas, constantes e con valores. Detectamos o talento observando a actitude, o compromiso e a evolución técnica, e potenciámolo con seguimento personalizado, retos progresivos e participación en eventos.
Que expectativas tedes postas no VI SupMera Festival? Como se está a preparar o equipo para esta cita?
O VI SupMera Festival é un dos puntos álxidos do ano. Agardamos consolidalo como un referente nacional, manter o nivel organizativo e seguir creando unha atmosfera única de convivencia e competición. O equipo está a traballar arreo, tanto os deportistas como os voluntarios, para chegar nas mellores condicións posibles e facer deste evento unha auténtica festa do paddle surf.
Cales son os próximos retos?
Queremos chegar aos 70 socios activos, ampliar as categorías de base, fomentar o deporte feminino e consolidar unha estrutura que permita competir a máis alto nivel. Tamén aspiramos a crear sinerxías con outros clubs, entidades públicas e patrocinadores que compartan os nosos valores.
Cales son as principais necesidades do club para continuar medrando e acadando visibilidade a nivel autonómico e nacional?
O camiño percorrido ata hoxe foi posible grazas ao esforzo colectivo de todo o equipo, dende deportistas, adestradores, familias, socias ou colaboradores que, coa súa entrega e confianza, fixeron que o Club SUPMERA sexa unha realidade consolidada. Sentímonos profundamente agradecidos por todo o que xa temos conseguido xuntos.
A día de hoxe contamos cunha base sólida, unha estrutura funcional e unha comunidade comprometida. Porén, para dar o seguinte paso e acadar maior visibilidade e proxección, sería de gran axuda contar cun apoio institucional máis estable, así como con espazos mellorados para gardar o material, máis presenza en medios e redes, e recursos que nos permitan seguir profesionalizando o noso traballo. Non se trata de empezar de cero, senón de seguir construíndo sobre unha base firme e con futuro.