O mal estado do centro de saúde de Carral chega ao Parlamento galego

O estado do centro de saúde de Carral volve situarse no foco político. As deputadas do Grupo Parlamentario Socialista Silvia Longueira Castro e María Elena Espinosa Mangana levaron á Cámara galega a situación das instalacións para esixir á Xunta que actúe nun edificio que, segundo denuncian, presenta humidades, falta de mantemento e un evidente desaxuste coas necesidades actuais do municipio. No texto rexistrado, as parlamentarias lembran que Carral supera os 6.700 habitantes e mantén unha evolución demográfica á alza, cunha presenza destacada de poboación nova e en idade de traballar.
As socialistas sosteñen que o inmoble, construído en 1989, quedou pequeno para atender a demanda asistencial do concello e advirten de que a deterioración das dependencias require unha intervención inmediata. Xunto á reforma do edificio, tamén reclaman reforzos na organización do servizo, entre eles a apertura da atención primaria en quenda de tarde, ao considerar que os atrasos nas citas médicas e nas analíticas están a prexudicar á veciñanza.
Na súa exposición, as deputadas sinalan ademais que o debate sobre un novo centro de saúde leva anos aberto sen que, polo momento, se materializase unha solución definitiva. Nesa liña, lembran que desde o ámbito municipal chegou a ofrecerse un terreo para levantar un novo edificio, mentres o actual podería destinarse a centro de día. Por iso, o PSdeG insiste en que, mentres non se dea ese paso, a Xunta debe asumir cando menos os traballos de conservación necesarios para garantir unhas condicións dignas e salubres.
A problemática sanitaria de Carral chegou tamén á Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na que o Grupo Socialista defendeu unha proposición non de lei sobre a mellora da atención sanitaria e sociosanitaria no concello. O Partido Popular presentou unha emenda de substitución na que propoñía impulsar arranxos de mantemento en colaboración co Concello, estudar a futura construción dun novo centro e adecuar os servizos á demanda crecente da poboación.