O Maio Jazz regresa ao Teatro Colón coa mellor música galega e internacional

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Coruña converterase nun dos centros do jazz do sur de Europa durante cinco noites únicas
maio-jazz
29 Apr 2025

O Teatro Colón converterase de novo no epicentro do jazz contemporáneo en Galicia coa celebración dunha nova edición do Maio Jazz, o ciclo organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, que traerá á cidade cinco noites de música excepcional. A programación foi presentada no propio teatro, nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e algúns dos músicos protagonistas como Abe Rábade, Carlos Miyares e Manuel Gutiérrez.

O festival desenvolverase os días 9, 10, 11, 17 e 24 de maio e contará co talento de Taibo, Verónica Ferreiro & Javier Sánchez Quinteto, Diego Alonso 5tet, Carlos Miyares and The Cuban Quintet e Sumrrá. Un cartel que ofrece unha ampla variedade de estilos e influencias, desde o jazz afrocaribeño ata a vangarda europea, pasando pola tradición americana e as novas tendencias.

Segundo sinalou Natividade González, “este ciclo forma parte da nosa aposta por unha cultura accesible e transformadora, que pon o foco no talento creativo. Con Maio Jazz celebramos a chegada da primavera facendo florecer a música no Colón”.

Entre os concertos máis agardados está o de Taibo, o 9 de maio, un proxecto único que reúne a tres pianistas excepcionais —Rosalía Gómez Lasheras, Abe Rábade e Alejandro Vargas— nunha homenaxe ao desaparecido compositor compostelán Luís Taibo, combinando piano a tres mans e poesía cantada.

O 10 de maio será a quenda de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, que xunto a unha sólida banda presentarán novas composicións que continúan a liña innovadora do seu disco Camiño. Ao día seguinte, o Diego Alonso 5tet interpretará Nihil, un disco finalista nos Premios Martín Códax da Música 2024, cunha formación sólida que conecta Galicia co resto da escena ibérica.

O jazz cubano máis auténtico tomará o escenario o 17 de maio coa actuación de Carlos Miyares & The Cuban Quintet, un grupo de primeira liña internacional cunha sonoridade poderosa que mestura bebop, ritmos afrocaribeños e tradición cubana.

Como broche final, Sumrrá, trío de referencia no jazz galego, celebrará os seus 25 anos de traxectoria cun concerto exclusivo no que repasarán os seus seis discos. A súa longa experiencia e presenza en escenarios de todo o mundo serán garantía dunha noite inesquecible o 24 de maio.

O Maio Jazz 2025 promete converter A Coruña nun dos centros do jazz do sur de Europa durante cinco noites únicas.

⚙ Configurar cookies
0.14972019195557