O Madrid Fusión mostra a materia prima de produtores de quilómetro cero da provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña ofrece actividades para promocionar a riqueza gastronómica e cultural como charlas sobre viños coruñeses, masterclass e degustacións con produtos locais
Deputación - Madrid Fusión día 2
30 Xan 2024

O sector agroalimentario da provincia da Coruña promociona o seus produtos en Madrid Fusión da man da Deputación. O stand da entidade provincial conta cunha zona de exposición na que os produtores de quilómetro cero dan a coñecer os seus produtos. Mostra que se complementa, ademais, con outras actividades como showcookings, degustacións e masterclass.

Promoción de produtos locais

Así, nesta feira de referencia mundial, Turismo da Deputación exhibe a materia prima de A Despensa de Lujo, de Coristanco; os cafés de Café Aruba, da Coruña; os licores de Bello Blanco, de Carballo; as empanadas de Costumes Galicia, de Carballo; as galletas de Maruxas de Nata, de San Sadurniño; os queixos de Galmesán, de Arzúa; os viños de Choiva Viños (A Coruña); as patacas de Bonilla (A Coruña); as conservas de Conservas A Nosa (Ribeiro) e os vermús de Lodeiros (Santiago).

Charlas e degustacións

Ademais das mostras de produto, outras pequenas empresas de orixe local protagonizan outras actividades no stand da Deputación. É o caso de San Isidro Bakery, de Bergondo, que ofrece unha degustación dos seus famosos panettones, con sorteos entre o público incluidos. Tamén A Castrexa e Os Biosbardos, que presentan o seu proxecto e os seus snacks 'Alrescha'. Tamén Bodegas Lodeiros, que conta cun "momento vermú" que reúne a moitos asistentes interesados en coñecer a marca.

Pola súa parte, dende Choiva Viños ofrecen charlas sobre os viños da provincia, con cata incluida, e Algas Mar de Ardora, da man de Sinxelo Ferrol, imparte unha masterclass- showcooking sobre as algas da Coruña. Estas actividades desenvólvense durante os 3 días de feira, que rematan coa realización do ritual tradicional da queimada.

Unha oportunidade comercial e promocional

Para estes pequenos produtores, a participación en Madrid Fusión da man da Deputación, supón “unha oportunidade para establecer un contacto directo con profesionais e posibles clientes, para que coñezan o produto de primeira man” apuntan dende Bello Blanco Licores. Algo que tamén resaltan desde A Despensa de Lujo, “recibimos visitas de clientes de toda España, e establecemos contactos con cociñeiros. Visítannos profesionais moi interesados no produto, influencers e agricultores que nos ven como unha referencia no sector”. Desde Costumes Empanadas de Galicia sinalan que “permítenos abrir mercado fóra de Galicia e realzar as cualidades das empanadas galegas”. Queixos Galmesán resaltan “o vínculo entre produtos galegos de calidade”, xa que “tamén establecemos sinerxías entre nós, ademais de poder aprender e ver novas tendencias que aplicar nos nosos negocios” sinala A Castrexa. A Coruña ten un sabor especial que revive a través de Madrid Fusión.

 

0.1827929019928