O luns abre o prazo de preinscrición para unha nova edición de Ocioleiros en Oleiros

O Concello de Oleiros abrirá este luns, 1 de decembro, o prazo de preinscrición para participar nunha nova edición de Ocioleiros, o programa municipal de actividades de carácter lúdico pensado para o entretemento e a convivencia da poboación adulta. A oferta inclúe un total de 19 propostas diferentes, dirixidas a persoas maiores de 18 anos empadroadas no municipio.
A preinscrición poderá realizarse a través da Sede Electrónica do Concello. No caso de que algunha persoa non poida completar o trámite por este medio, poderá facelo de maneira presencial na conserxería da Fábrica, en horario de mañá, de 8.30 a 14.30 horas. O prazo permanecerá aberto ata o 9 de decembro, e o día 11 publicaranse as listaxes de persoas preinscritas para a revisión e corrección de posibles erros.
Nas actividades nas que a demanda supere o número de prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 18 de decembro ás 12.00 horas na Fábrica. As listaxes definitivas de persoas admitidas e as listaxes de agarda publicaranse ao día seguinte.