O Leyma Coruña aparta a Yoanki Mencía do equipo tras recoñecer parcialmente os feitos no xuízo

ACoruñaXa
O xogador admitiu un delito de violencia de xénero e outro leve de vexacións
A CORUÑA basket coruña
16 Oct 2025

O Club Básquet Coruña decidiu separar temporalmente a Yoanki Mencía da disciplina do primeiro equipo. A decisión, tomada nunha xuntanza de urxencia do Consello de Administración, manterase ata recibir a sentenza xudicial derivada da vista oral celebrada o mércores. O club comunicará máis adiante a súa resolución definitiva sobre o futuro do xogador.

A medida prodúcese despois de que Mencía recoñecese ante o xulgado un delito de violencia de xénero e outro delito leve de vexacións. Segundo a información xudicial, a condena inclúe 60 días de traballos en beneficio da comunidade polo delito de violencia de xénero, 5 días adicionais polas vexacións e unha orde de afastamento e prohibición de contacto durante un ano.

O caso remóntase a feitos denunciados pola súa exparella durante a etapa do xogador en Zaragoza. Mencía, que chegou este verán ao Leyma Coruña procedente do Casademont Zaragoza, queda así fóra da dinámica do primeiro equipo, á espera da análise interna do club e de que a sentenza sexa firme.

⚙ Configurar cookies
0.071215152740479