O legado de Tespis subirá de novo ao escenario nunha gran homenaxe no Colón

A Deputación da Coruña homenaxeará o vindeiro 23 de marzo ao grupo teatral Tespis cunha gala institucional no Teatro Colón, nun acto co que quere reivindicar a pegada dunha das formacións máis influentes da historia escénica galega. A cita celebrarase ás 20.00 horas e combinará intervencións institucionais, participación de profesionais do sector, pezas audiovisuais e música en directo nunha posta en escena creada especificamente para a ocasión.
A presentación do evento tivo lugar este martes no propio Teatro Colón, coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, e do investigador Francisco Oti Ríos, responsable da dirección artística da homenaxe e autor do libro 'Tespis e o contexto teatral coruñés'. Durante o acto, González puxo en valor o papel da compañía como un 'nome fundamental da nosa historia escénica' e destacou a intención da institución provincial de recoñecer publicamente unha traxectoria pioneira e comprometida coa cultura galega.
Desde a área de Cultura subliñan que Tespis foi moito máis ca unha compañía teatral. Ao longo da súa traxectoria converteuse nun espazo de creación, encontro e pensamento que acompañou as transformacións sociais do seu tempo. A deputada incidiu en que as súas montaxes abriron a porta a novos discursos e contribuíron a facer do teatro un lugar de liberdade, reflexión colectiva e imaxinación cultural.
Francisco Oti Ríos destacou, pola súa banda, a relevancia de que a homenaxe se celebre na Coruña, unha cidade cunha forte tradición teatral e na que Tespis logrou consolidar un proxecto de longo percorrido co respaldo do público. Tamén lembrou a capacidade da compañía para desafiar a censura da ditadura, apostar por textos comprometidos e introducir o galego nos escenarios nun momento especialmente complexo para a creación cultural.
Na gala participarán preto de corenta persoas vinculadas a Tespis, moitas delas aínda en activo e algunhas amplamente recoñecidas no panorama teatral. Ademais, durante o acto lerase un manifesto con motivo do Día do Teatro, que se conmemora o 27 de marzo.
A iniciativa, en todo caso, non se limitará a unha única noite. A Deputación explicou que a homenaxe quere servir tamén para preservar e difundir a memoria da compañía a través dunha campaña de recuperación e dixitalización de materiais históricos. O obxectivo é implicar profesionais, entidades culturais e público interesado na conservación dun legado que forma parte da historia escénica do país.
Creado por José Redondo Santos, Tespis desenvolveu a súa actividade entre 1965 e 1984 e chegou a ser considerada a compañía oficial da Deputación da Coruña. O grupo desempeñou un papel destacado na evolución do teatro galego contemporáneo, nun contexto marcado pola militancia cultural e pola resistencia fronte á censura franquista. Xa en torno a 1974 reivindicou de forma clara un teatro en galego, ao tempo que apostaba por propostas vangardistas e por autores marxinais, censurados ou no exilio.
Aquela experiencia tamén funcionou como unha auténtica escola de teatro. Pola compañía pasaron nomes que máis tarde terían un peso relevante na escena galega, como Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Víctor L. Mosqueira ou María Pujalte. A homenaxe do día 23 busca agora devolver Tespis ao primeiro plano e recoñecer a contribución dun grupo que deixou unha fonda pegada na cultura galega.