O lacón con grelos e a maquinaria de segunda man centraran a fin de semana no recinto feiral

O recinto feiral do Mesón do Vento volverá converterse nun punto de encontro para o público afeccionado á gastronomía e ao ambiente de feira. A cita, programada para a fin de semana do 7 e 8 de marzo, celebra a súa XXVII edición cunha novidade destacada: a posta en marcha da I Feira de Maquinaria Agrícola de Segunda Man, pensada como escaparate para mercar e vender tractores e apeiros. As persoas interesadas en participar ofrecendo maquinaria dispoñen dun contacto directo por WhatsApp no 609 375 069.
O sábado 7, a actividade comezará ás 10.00 horas coa apertura do recinto, a exposición de gando e a feira de maquinaria. Ao mediodía, ás 12.00 horas, celebrarase o X Encontro Folclórico coa presenza das asociacións culturais Leira Gaiteiros, Pandeireteiras de Ardevento, Camiño Real de Poulo e Sementes da Arte. A música de rúa sumará ambiente coa Charanga BB+ a partir das 14.00 horas e de novo ás 19.00 horas. A tarde incluirá tamén o espectáculo ecuestre ‘Duende Ecuestre’ ás 16.30 horas e o monólogo de Leti da Taberna ‘Jastac Japi Jolídais’ ás 18.00 horas. O peche do recinto está previsto para as 20.00 horas.
O domingo 8 manterá o pulso feiral desde as 10.00 horas, con pasacalles da Asociación Cultural Leira Gaiteiros e unha programación na que o mundo do cabalo terá moito protagonismo. Haberá probas de andadura libre ás 10.00 e 10.45 horas, concurso morfofuncional de poldros do Cabalo Marchador Galego ás 11.30 horas e exhibición sub-16 ao mediodía. Á mesma hora, ás 11.30 horas, celebrarase a VII Poxa de Gando de Raza Frisoa. Xa pola tarde, despois da sesión vermú co Dúo Matices ás 14.00 horas, chegarán a xincana libre de obstáculos ás 16.00 horas, a carreira de burros ás 17.00 horas e a actuación da orquestra ‘Os Satélites’ ás 18.00 horas, antes do peche das 20.00 horas.
En paralelo, a festa estenderase polos establecementos da zona, que repartirán degustacións de lacón con grelos durante a xornada dominical. Ademais, a exposición gandeira contará tamén con presenza do Porco Celta, con animais vivos e material divulgativo.