O Kiosco Alfonso acolle a exposición 'A cidade das artes' polos 175 anos da RAGBA

ACoruñaXa
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) está de aniversario e fai un repaso por obras e traballos
LAGE_BELAS_ARTES_001
21 Feb 2025

A exposición 'A cidade das artes' quedou inaugurada e forma parte dos actos conmemorativos polo 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). Participou na apertura o  concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.

A exposición, que se pode visitar na sala de exposicións municipal do Kiosco Alfonso, reúne máis de 150 pezas, entre materiais artísticos, documentos históricos e obras de membros da RAGBA e estudosos das artes galegas. A mostra presta especial atención á visibilidade das obras e ao traballo das académicas.

Durante a súa intervención, José Manuel Lage destacou a importancia das belas artes na sociedade e puxo en valor o labor da Academia: “As belas artes, e por suposto a súa Real Academia, son tamén unha porta de entrada a altos valores, unha escola de cidadanía, e no noso caso de coruñesismo, ese xeito especial de galeguismo”. Ademais, subliñou que “A Coruña é cidade líder en pintura e gravado, escultura, arquitectura, música, arqueoloxía, museoloxía e artes da imaxe. Todas estas disciplinas están representadas hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes”. Lage felicitou á institución polo seu aniversario e pola calidade da mostra, que cualificou como “un magnífico xeito de lembrar a súa importancia no eterno carácter ilustrado da nosa cidade”.

No acto tamén participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o presidente da RAGBA, Manuel Quintana; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o comisario da exposición, Fernando Agrasar.

'A cidade das artes' permanecerá aberta ao público no Kiosco Alfonso ata o vindeiro 27 de abril. Durante este período, programaranse seis conferencias abertas a cargo de distintos especialistas, que se celebrarán no espazo baixo cuberta do recinto.

0.16653990745544