O IV Congreso Internacional de Criminalística Aplicada arrinca no Pazo de Mariñán

ACoruñaXa
Unha cita que nesta edición pon o foco nos perfís criminais e nas novas ameazas que afectan aos espazos rurais
congreso-bergondo
21 Apr 2025

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán o IV Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, unha cita que nesta edición pon o foco nos perfís criminais e nas novas ameazas que afectan aos espazos rurais.

Durante a súa intervención, Capelán salientou a necesidade de crear espazos de formación e reflexión que axuden a mellorar a seguridade e a xustiza en contornas marcadas pola dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e a menor dotación de recursos. “Estes factores fan máis difícil a prevención e detección de delitos, polo que a resposta institucional debe adaptarse ás características do territorio”, sinalou.

A deputada alertou especialmente sobre a violencia de xénero no rural, lembrando que máis da metade das mulleres asasinadas en España en 2024 por esta causa vivían en municipios de menos de 30.000 habitantes. “É urxente reforzar os mecanismos de apoio e os recursos de atención nestas zonas, e desde a Deputación estamos a traballar dentro das nosas competencias para avanzar nesa liña”, indicou.

Capelán tamén fixo referencia a outras problemáticas crecientes como os roubos en vivendas illadas, as estafas a persoas maiores e mesmo a actividade de redes de narcotráfico. Neste contexto, reivindicou a utilidade da criminalística aplicada como ferramenta clave para facer fronte a estas situacións e mellorar a eficacia das intervencións.

O congreso, que se desenvolverá ata o 23 de abril no concello de Bergondo, reúne a expertos e expertas en criminoloxía, criminalística e ciencias forenses de ámbito estatal e internacional. O programa inclúe ponencias sobre avances tecnolóxicos na investigación criminal, neurociencia aplicada ao dereito penal ou psicopatoloxía forense, entre outras cuestións de actualidade.

A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña e reafirma, segundo destacou Capelán, “o compromiso da institución co benestar e a seguridade da cidadanía, especialmente nas zonas rurais, que non poden quedar atrás en materia de protección e xustiza”.

⚙ Configurar cookies
0.16415214538574