O indicador de emprego do IGE deixa Ordes á cola da comarca

ACoruñaXa
O PSdeG denuncia no pleno falta de respostas do goberno local mentres o paro rexistrado en decembro foi de 450 persoas
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
6 Feb 2026

A situación do emprego en Ordes volveu ao centro do debate político no último pleno municipal. O PSdeG-PSOE asegura que o goberno local ‘elude responsabilidades’ ante uns datos que consideran preocupantes e critica que a concelleira delegada de comercio, turismo, promoción e dinamización económica, Yessica López Varela, non respondese á pregunta formulada sobre que medidas pensa adoptar o Concello para mellorar o pulso laboral e económico do municipio.

A formación socialista apoia a súa denuncia en indicadores oficiais. O Instituto Galego de Estatística publica o cociente entre o número de persoas afiliadas á Seguridade Social e o paro rexistrado, un termómetro que adoita empregarse para medir o dinamismo do mercado laboral. No dato de decembro de 2025, Ordes sitúase con 1.202,9, o valor máis baixo dentro da súa comarca segundo a táboa do IGE.

A esa lectura engádese o paro rexistrado. O resumo municipal do SEPE para decembro de 2025 recolle que Ordes pechou o mes con 450 persoas en desemprego rexistrado, unha cifra que o PSdeG utiliza para reclamar políticas locais ‘urxentes’ orientadas a crear emprego, apoiar o comercio e evitar que a xente nova teña que buscar oportunidades fóra.

No pleno, segundo o relato socialista, foi a voceira do PP, Susana García, quen tomou a palabra para subliñar que o desemprego baixou nos últimos anos. O PSdeG responde que esa tendencia é xeral e atribúea ás políticas estatais, e insiste en que o que se pedía eran respostas concretas sobre por que Ordes perdeu, din, o seu liderado económico comarcal e que plan ten o goberno local para reverter a situación.

⚙ Configurar cookies
0.077939033508301