O III Día do Deporte converterá Gandarío nun gran escaparate da actividade física

ACoruñaXa
Bergondo reunirá o 25 de abril no albergue e na praia exhibicións, probas abertas e unha degustación gastronómica nunha xornada pensada para achegar o deporte a toda a veciñanza
BERGONDO día do deporte 2026
31 Mar 2026

Bergondo volverá poñer o deporte no centro da súa programación de primavera coa celebración do III Día do Deporte, previsto para o venres 25 de abril no albergue e na praia de Gandarío. A proposta, organizada polo Concello, busca que a veciñanza poida achegarse a distintas disciplinas nun formato aberto, participativo e pensado para todos os públicos.

A xornada dividirase en dúas quendas, de 12.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.00 horas. Ao longo do día, as persoas asistentes poderán probar actividades como escalada, tiro con arco, triciclos, parkour, skate, voleibol, bádminton, floorball, kin-ball, goalball, xogos populares, minigolf e caiacs. Ademais, o feito de ampliar o evento ata o areal de Gandarío permitirá incorporar este ano modalidades como fútbol praia e vóley praia.

O Concello tamén quere incentivar a participación activa cun sistema de selos. As persoas asistentes poderán anotarse na entrada do recinto e, se completan oito probas das actividades propostas, recibirán un premio directo ata esgotar existencias. Ese pasaporte deportivo completo tamén lles dará acceso ao sorteo de agasallos co que se pechará a xornada ás 18.00 horas.

O programa incluirá tamén exhibicións a cargo dos clubs e entidades colaboradoras. Nesta terceira edición participarán o Club Rítmica Ausarta, o Club Atlético Bergondo, o Club Ciclista Skapaos, o CB Bergondo, a APA 'As Mariñas' do CPI Cruz do Sar, o Club de Salvamento SASA e a APA As Escoliñas.

Entre as 14.00 e as 15.30 horas haberá un espazo de descanso cunha degustación gastronómica. Para participar nela será necesario anotarse previamente a través dos clubs ata o 10 de abril. No caso das persoas empadroadas en Bergondo, tamén poderán formalizar a inscrición na Casa da Cultura entre o 7 e o 10 de abril, en horario de 9.30 a 14.30 horas. A organización lembra ademais que os menores de 14 anos deberán acudir acompañados por unha persoa adulta responsable e recomenda levar casco para ciclismo e muda seca para as actividades náuticas.

0.12128901481628