O II Festival Musical Emilia Pardo Bazán fará soar o Ágora no día de Santa Icía

ACoruñaXa
A Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán celebra na Coruña o día da patroa da música cunha mostra cultural de entrada libre, con Aturuxo e Arnela de Carral como principais convidadas
A CORUÑA concerto santa icia
20 Nov 2025

A Coruña prepárase para celebrar este sábado 22 de novembro o día de Santa Icía, patroa da música, co II Festival Musical Emilia Pardo Bazán, unha cita organizada pola Agrupación Musical que leva o nome da escritora coruñesa e que terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, en Lugar Gramela 17. O festival está dirixido a público de todas as idades, comezará ás 17.00 horas e a entrada será de balde ata completar aforo.

O programa do II Festival Musical Emilia Pardo Bazán inclúe as actuacións da Agrupación Folclórica Aturuxo e do Grupo de Música Tradicional Arnela de Carral, que presentará o espectáculo 'Recolla e Tradición no Cantar'. A organización deixa aberta, ademais, a posibilidade de incorporar outros grupos convidados, co propósito de ofrecer unha tarde de música, baile e diversidade cultural.

Desde a Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán lembran que a boa acollida do primeiro festival no día de Santa Icía foi o que lles animou a repetir a experiencia e a buscar 'boa compaña' para estar á altura da devoción musical desta data.

A agrupación, formada en 2022 por un grupo de amigos e amigas que decidiron crear o seu propio proxecto musical, tomou o nome de Emilia Pardo Bazán coincidindo coa conmemoración do centenario da súa morte na cidade. O obxectivo, explican, é preservar a cultura galega e dar a coñecer o folclore, ao tempo que se honra a figura da condesa, pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e introdutora do naturalismo na literatura española.

Non é un tributo calquera: Pardo Bazán foi tamén a primeira presidenta da 'Junta Provisional del Folk-lore Gallego', desde a que impulsou o estudo e a difusión das tradicións populares do país, como recollen os seus discursos sobre o folclore galego conservados en diversas bibliotecas e arquivos.
A agrupación musical quere que esa faceta menos coñecida da autora siga 'soando' na súa cidade, recuperando cancións e bailes de raíz galega e poñéndoos en diálogo coa creación actual.

⚙ Configurar cookies
0.074942827224731