O II Desafío Gravel BTT Ulla Tambre fará parada en Vilasantar cunha ruta o 6 de xuño

O II Desafío Gravel BTT Ulla Tambre xa quenta motores coa vista posta en dúas xornadas que volverán unir deporte, paisaxe e patrimonio. A primeira celebrarase o 30 de maio en Touro, mentres que a segunda terá lugar o 6 de xuño en Vilasantar, convertendo o municipio nun dos escenarios destacados desta nova edición.
A presentación oficial desenvolveuse en Brandelos, no Concello de Touro, onde se deu a coñecer unha proposta pensada para atraer tanto a afeccionados ao gravel como a persoas que buscan unha experiencia deportiva en contacto coa natureza. No caso de Vilasantar, o percorrido incluirá tamén treitos por Boimorto e Sobrado dos Monxes, reforzando o atractivo dun trazado que combina contorna natural e valor patrimonial.
Cada xornada contará con dous itinerarios circulares adaptados a distintos perfís. A organización propón a Jraveliña, cun trazado máis accesible duns 35 quilómetros, e o Jravelón, cun percorrido de arredor de 60 quilómetros para quen busque unha esixencia maior. O alcalde de Vilasantar, Fernando Fernández Pérez, foi o encargado de explicar os detalles da proba durante a presentación.
O evento, de carácter non competitivo, forma parte da estratexia do GDR Ulla Tambre Mandeo para impulsar o coñecemento do territorio a través do ciclismo de natureza. A entidade lembra ademais a boa acollida da primeira edición, que reuniu a máis de 350 participantes, un respaldo que consolida esta iniciativa como unha das propostas destacadas do gravel en Galicia.