O IES Rosalía Mera alzase co primeiro premio do concurso de FP 'Eduemprende Idea 2023'

ACoruñaXa
Ademais dun premio en metálico, os gañadores poden incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
Imaxe do IES Rosalía Mera na Coruña
4 Mar 2024

Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

Entre os premidos, atópase o IES Rosalía Mera da Coruña que se alzou co primeiro premio na modalidade de Ciclos de Grao Superior co proxecto 'Street Art Galicia'. Ao que lle seguiron o CIFP Politécnico de Santiago co segundo premio co proxecto 'Mam Madeira' e no terceiro posto o CIFP Montecelo de Pontevedra con 'Mía Creativa'.

A proposta 'Street Art Galicia', do Instituto IES Rosalía Mera (A Coruña), que se alzou co primeiro premio na modalidade de ciclos superiores, busca converterse nunha plataforma de referencia para a arte urbana galego, ofrecendo un catálogo dixital e físico de obras, entrevistas con artistas e actividades relacionadas.

Na modalidade de Ciclos de Grao Medio resultaron premiados o CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa (1º premio) co proxecto Green Paws; o IES A Pinguela de Monforte de Lemos (2º premio) con StyleClo e o CIFP Compostela de Santiago (3º posto) co Laetus.

As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado. Os seis proxectos premiados, tres na modalidade de ciclos de grao medio e tres na modalidade de ciclos de grao superior, recibirán un total de 12.000 euros a razón de 3.000 euros para o 1º premio, 2.000 euros para o 2º e 1.000 euros para o 3º.

Así mesmo, os gañadores poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada, demostrando a capacidade de xerar solucións innovadoras para satisfacer as necesidades e desexos da sociedade contemporánea. O seu enfoque na inclusión, a sustentabilidade e a experiencia do cliente marca un estándar elevado para a innovación empresarial cun impacto positivo na sociedade.

 

0.19648504257202